Inicio Carballo ao día Hemeroteca A película "Sicixia", rodada en...

TAMÉN HABERÁ UNHA DEGUSTACIÓN DE PRODUTOS DO MAR

A película "Sicixia", rodada en Carballo, estreáse nos Multicines Bergantiños o venres 25 de novembro coa presenza do director e intérpretes da fita

Mércores 23 de novembro do 2016

Sicixia

Un dos fotogramas de "Sicixia", na praia de Razo

Os Multicines Bergantiños de Carballo acollen o venres 25 de novembro a estrea de "Sicixia, paseo polo amor e a Costa da Morte", un filme rodado en parte en Carballo e por outras paisaxes da comarca. Está prevista a asistencia á estrea do director Ignacio Vilar, da actriz Marta Lado e do actor Monti Castiñeiras, acompañados doutros membros do elenco como Arantza Villar, Daniel Trillo ou Artur Trillo. O selecto convidado terá a oportunidade de viaxar á "Costa da Morte a través dos cinco sentidos", xa que logo de cada pase ofrecerase unha degustación de produtos do mar da man dos cociñeiros Iván Domínguez (Grupo Nove; Grupo Amicalia; Estrela Michelin), Pedro Roca (Restaurante Pedro Roca), Miguel G. Silvarredonda e Tino Otero (Porto-Muíños) co fin de complementar a experiencia audivisual cos sabores e aromas máis característicos da Costa da Morte.

A longametraxe compite no 54º Internacional de Cine de Xixón, no que opta a galardóns en seis categorías, incluída a de mellor director

Ademais, hai que mencionar que a longametraxe (Vía Láctea Filmes, TVG) estreouse esta semana na Sección Oficial do 54º Internacional de Cine de Xixón no histórico Teatro Jovellanos da cidade ante máis de 300 espectadores. A proxección foi presentada polo seu director, Ignacio Vilar, e os actores protagonistas, Marta Lado e Monti Castiñeiras. O programador do FICX, Jorge Argiz, subliña que "Sicixia" é a primeira longametraxe rodada en galego que participa neste lonxevo festival. Tamén dedicou unhas verbas de recoñecemento á actriz protagonista Marta Lado, que vén de recibir un galardón no XXI Festival Cinespaña de Toulouse (Francia), e augurou unha brillante carreira para a actriz fisterrá escollida por Ignacio Vilar.

Unha obra centrada na vista e o oído

O protagonismo indiscutible do son, que ofrece ao espectador a posibilidade de espertar os sentidos ante unha obra cinematográfica espectacular para a vista e o oído, o delicado equilibrio entre ficción e realidade ou o tratamento da igualdade de xénero e a homenaxe á vida da Costa da Morte son algunhas das cuestións máis destacadas en Xixón sobre "Sicixia", así como o feito de que esta sexa proxectada na súa versión orixinal en galego con subtítulos en castelán.

O filme compite con outras 15 fitas na categoría de ficción procedentes de EEUU, Francia, Italia, México, Irán, Bulgaria ou Filipinas, entre outros. Opta aos seguintes galardóns: Premio Principado de Asturias á Mellor longametraxe; Premio ao Mellor Director; Premio á Mellor Actriz; Premio ao Mellor Actor; Premio ao Mellor Guión; Premio Especial do Xurado. A Gala de Clausura do 54º FICX terá lugar o sábado, 26 de novembro.

Compartir: