Inicio Carballo ao día Hemeroteca Carballo conmemora o 25 de novembro lendo un...

A VILA TAMÉN VISTE DE LOITO: CARBALLO EN NEGRO

Carballo conmemora o 25 de novembro lendo un manifesto contra a violencia contra as mulleres e nenas e cunha solta simbólica de globos

Venres 25 de novembro do 2016

Soltáronse globos coma homenaxe ás vítimas

Soltáronse globos coma homenaxe ás vítimas

Preto de 150 persoas déronse hoxe cita na Praza do Concello de Carballo para condenar a violencia de xénero no 25 de novembro, Día internacional da eliminación da violencia contra as mulleres e nenas. O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, leu a declaración institucional do Concello na que se expresa a solidariedade coas vítimas da violencia de xénero e as súas familias, na que se manifesta a "enérxica repulsa" á violencia que se exerce contra as mulleres e na que se subscribe o compromiso expreso de "seguir traballando pola erradicación" desta lacra, traballando na prevención e para garantir a seguridade das vítimas.

Cada globo levaba o nome dunha das vítimas, incluíndo unha muller embarazada falecida a pasada noite: en negro contra a violencia!

Logo da lectura, a Concelleira de Igualdade e Benestar, Maica Ures, animou aos presentes a realizar unha solta simbólica de globos, un por cada muller vítima da violencia no último ano. Os globos levaban os seus nomes escritos, incluíndo a última delas falecida a pasada noite, unha muller embarazada. Aplausos e simbolismo para un acto breve e emotivo.

Carballo en negro

Este acto completa a campaña "Carballo en negro", coa que o Concello tinxiu de negro arredor de 75 tendas e locais hostaleiros da capital municipal co obxectivo de promover e facer visible o rexeitamento da cidadanía cara a violencia machista. Trátase dunha iniciativa na que participan 16 concellos de toda Galicia e que en Carballo subscriben establecementos comerciais de todo tipo: dende cafetarías, ata tendas de roupa, perruquerías, tendas de decoración ou o propio Mercado Municipal ao completo.

O Concello quere agradecer a implicación de todos os veciños e veciñas nesta campaña de sensibilización, que estará en marcha até o 28 de novembro, para que o rexeitamento sexa visible durante a toda fin de semana, incluíndo o domingo de feira. A cor negra e mensaxes contra a violencia machista como "son libre de decidir a miña vida", "respecta as miñas decisións" ou "unha de cada catro mulleres que sofre violencia machista non o denuncia por medo", ademais de camisetas, mandís e elementos tinxidos de loito, poboan a vila. En negro contra a violencia machista!

Os interesados e interesadas poden descargar máis abaixo en pdf e ao completo a Declaración institucional con motivo do 25 de novembro.

Descargas



Galería

Compartir: