Inicio Carballo ao día Hemeroteca Chega aos cines "Sicixia", unha...

ESTREA O 25 DE NOVEMBRO NOS MULTICINES BERGANTIÑOS

Chega aos cines "Sicixia", unha película rodada en Carballo e na Costa da Morte para "escoitar a natureza" e "escoitar á nosa xente"

Venres 25 de novembro do 2016

Presentación do filme no Fórum Carballo

Presentación do filme no Fórum Carballo

Carballo acolle a estrea de "Sicixia", unha película rodada en parte en Carballo, que conta co apoio económico do Concello, e que, en verbas do seu director, Ignacio Vilar, serve para que o público aprenda a "escoitar a natureza" e para "sentarse a escoitar á nosa xente". Así o expresou na presentación oficial do filme que tivo lugar hoxe 25 de novembro, no Fórum. Ademais de en Carballo, a película estréase hoxe en cinemas de toda Galicia e de toda España, sempre en versión orixinal en galego (subtitulada cando cómpre) porque, segundo Vilar, o cine galego serve para "poñer en valor o noso e para falar de nós".

Os sons da Costa da Morte son parte fundamental da fita, na que tamén ten presenza a igualdade de xénero

Un dos protagonistas da fita, Monti Castiñeiras (houbo que lamentar a ausencia de Marta Lado en plena rodaxe de "Serramoura") tivo verbas tamén para gabar o proceso de rodaxe, no que "foi un pracer percorrer toda a Costa da Morte" e "coñecela de verdade, en profundidade". Tamén, ao igual que o director, tivo verbas para os sons da película, xa que merece a pena descubrir con eles a vida da contorna. O Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, tamén tivo verbas para eses sons, asegurando que "mesmo unha persoa invidente pode gozar moito con esta película".

A cita tamén contou coa presenza de representantes doutros concellos da comarca, coma o Alcalde da Laracha, José Manuel López Varela, e tamén do director da Agadic, Jacobo Sutil, que quixo subliñar que "o equipo da película é integramente galego" e que, non só promociona Galicia a través dos seus espazos, senón que tamén é unha mostra de como en Galicia pode conseguirse "a viabilidade económica, a produción, a planificación e difusión dun filme". Neste sentido, coincidiu con Ferrero en que "o cinema tamén é desenvolvemento económico".

Estrea en salas

Os Multicines Bergantiños de Carballo acollen hoxe venres 25 de novembro ás 18.00 h. a estrea do filme para todo o público, mentres que ás 20.30 horas haberá un acto e proxección posterior coa asistencia do director Ignacio Vilar, da actriz Marta Lado e do actor Monti Castiñeiras, acompañados doutros membros do elenco como Arantza Villar, Daniel Trillo ou Artur Trillo.

O selecto convidado terá a oportunidade de viaxar á "Costa da Morte a través dos cinco sentidos", xa que logo de cada pase ofrecerase unha degustación de produtos do mar da man dos cociñeiros Iván Domínguez (Grupo Nove; Grupo Amicalia; Estrela Michelin), Pedro Roca (Restaurante Pedro Roca), Miguel G. Silvarredonda e Tino Otero (Porto-Muíños) co fin de complementar a experiencia audivisual cos sabores e aromas máis característicos da Costa da Morte.

Compartir: