Inicio Carballo ao día Hemeroteca A constitución dos Consellos Parroquiais...

ARREDOR 300 PERSOAS XA ESTÁN INTEGRADAS NO PROCESO

A constitución dos Consellos Parroquiais de Carballo entra na súa recta final coas últimas xuntanzas en Bértoa e Vilela

Luns 28 de novembro do 2016

Consello parroquial en Razo

Un momento da constitución do Consello parroquial en Razo

Carballo conta xa con 15 Consellos Parroquiais despois dos tres constituídos nos últimos días en Rebordelos, Aldemunde e Razo. Ao igual que outubro, o mes de novembro está a resultar moi frutífero, xa que en todas as xuntanzas veciñais celebradas foi posible crear consellos, e son xa arredor de trescentas as persoas que están a empezar a traballar con esta nova ferramenta de participación veciñal.

A xuntanza de constitución en Bértoa está prevista para o martes 19 de novembro e en Vilela para o venres 2 de decembro

De feito, ao mesmo tempo que se constituía o Consello Parroquial de Razo, o venres 25 de novembro celebrouse a primeira asemblea veciñal, sen participación política, en Rus. E agora, o proceso de constitución dos Consellos Parroquiais entra na súa recta final. A semana entre o 28 de novembro e o 2 de decembro hai dúas reunións veciñais convocadas en Bértoa (martes 29, na escola de Mirón) e Vilela (venres 2 de decembro, na escola).

Ao final do proceso haberá 17 consellos

O Concello de Carballo agarda facer pleno cun total de 17 consellos para outras tantas parroquias. A de Carballo é a única excluída, xa que, segundo o Regulamento Municipal de Participación Veciñal, neste caso a intervención social na xestión municipal tería que articularse a través dos consellos de barrio, cuxa creación abordarase nun proceso posterior.

Como se está a facer en todas as parroquias, as convocatorias para as xuntanzas de Bértoa e Vilela realiízanse mediante o reparto de cartas en cada domicilio. De todos os xeitos, se algunha persoa non a recibe poderá asistir igualmente, xa que o obxectivo é acadar a maior participación posible. As persoas interesadas en obter máis información teñen ao seu dispor o teléfono 608 201 251 e o enderezo electrónico <consellosparroquiaiscarballo@gmail.com>.

Compartir: