Inicio Carballo ao día Hemeroteca A película "Sicixia", rodada en...

O FILME OCUPA O PRIMEIRO POSTO EN CEE E CARBALLO

A película "Sicixia", rodada en Carballo, sitúase no Top 5 da carteleira galega despois da súa primeira fin de semana en salas

Luns 28 de novembro do 2016

Estrea de Sicixia

Estrea de Sicixia nos Multicines Bergantiños de Carballo

A longametraxe "Sicixia, paseo polo amor e a Costa da Morte" (Vía Láctea Filmes e TVG), dirixida por Ignacio Vilar, rodada en parte en Carballo e estreada o venres 25 de novembro, logrou posicionarse durante a súa primeira fin de semana no Top 5 dos filmes máis vistos nas salas galegas. Segundo datos de Rentrak Spain, o cinema galego está de noraboa. A longametraxe galega protagonizada por Monti Castiñeiras e Marta Lado (Premio Mellor Actriz, XXI Cinespaña de Toulouse) mídese esta semana a Hollywood e ao máis selecto do cinema español sen complexos.

Monti Castiñeiras e Marta Lado codéanse con Brad Pitt, Marion Cotillard e Penélope Cruz nos primeiros postos da carteleira

Estreada na mesma semana cas superproducións "Aliados" (protagonizada por Brad Pitt e Marion Cotillard) e "La Reina de España" (dirixida por Fernando Trueba e protagonizada por Penélope Cruz), "Sicixia" non só se sitúa entre os 5 filmes máis vistos da carteleira na meirande parte das salas galegas senón que ocupa mesmo o primeiro posto en cinemas coma Númax (Santiago de Compostela), Compostela (Santiago de Compostela, 163), Bergantiños (Carballo), Xunqueira (Cee), Dúplex (Ferrol), Seixo (Marín) e ocupa o segundo e terceiro posto respectivamente nos cines Norte (Vigo) e Os Cantóns (A Coruña).

Matices de imaxe e son

Con todo, a asistencia do público ás salas será crucial para que os sons da Costa da Morte resoen nas vindeiras semanas nas salas de cine -onde só é posible apreciar todos os matices, especialmente de audio, desta obra dirixida aos 5 sentidos: http://sicixia.gal/nos-cines/- e o cinema galego poida seguir batendo marcas seguindo o ronsel de "A Esmorga, do mesmo director".

"Sicixia" conta co apoio e a colaboración de: AGADIC, ICAA, Deputación da Coruña, GALP Costa da Morte, GALP Costa Sostible e os Concellos de Carballo, Fisterra, Camariñas, Carnota, Cerceda, Muxía, A Laracha, A Estrada, Cabana de Bergantiños, Dumbría, Corcubión e Zas.

Aquí tendes o teaser tráiler coas mellores imaxes da nosa vila no filme!

Compartir: