Inicio Carballo ao día Hemeroteca Preto de 1.500 nenos e nenas participaron no...

REPÁRTENSE 575 EUROS EN PREMIOS

Preto de 1.500 nenos e nenas participaron no Concurso de Cartel e Programa de Nadal 2016 que elixe as imaxes anunciadoras das festas

Martes 29 de novembro do 2016

Concurso de Cartel e Programa de Nadal 2016

O xurado efectuou hoxe as deliberacións no Pazo da Cultura

Un total de 1.458 nenos e nenas dos centros educativos CEIP Bergantiños, CEIP Fogar, CEIP Xesús San Luís Romero, CEIP Nétoma-Razo, CEIP Gándara-Sofán, CRA Ponte da Pedra, CEIP A Cristina, EI As Landras, Colexio Artai e CEIP Canosa-Rus participaron este ano nunha nova edición do Concurso de Cartel e Programa de Nadal 2016, convocado pola Concellaría de Cultura do Concello de Carballo. Hoxe martes 29 de novembro, tivo lugar no Pazo de Cultura a reunión do xurado, constituído por alumnado dos centros de ensino CEIP Fogar e Colexio Artai; un representante da Asociación Cultural Vagalume de Carballo, Mónica Liñares; unha artista local, Cristina Castro; e en nome do Concello de Carballo, o Concelleiro de Cultura, Marcos Trigo e a Animadora Cultural, Carmen Castro.

Este ano resultou gañadora unha imaxe presentada por unha alumna do CEIP Bergantiños, centro que recibirá 150 euros en material didáctico

Logo das oportunas deliberacións, resulta elixida como 1º premio e Postal gañadora, cun agasallo valorado en 175 euros aproximadamente, a presentada por Delia Antelo Simón, de 8 anos do CEIP Bergantiños. Tal e como se recolle nas bases, ao centro educativo ao que pertence o gañador ou gañadora deste galardón, outorgaráselle un premio por valor de 150 euros en material didáctico e que este ano recae no CEIP Bergantiños. En segundo lugar, resultou elixido como 2º premio valorado en 100 euros o Cartel presentado por Sasha Hernández Rama, de 9 anos do Colexio Artai.

Cinco accésits

Ademais, concedéronse os seguintes accésits, que recibirán un premio por un valor aproximado de 60 euros:

  • Manuel Muñóz Vázquez, de 10 anos do CEIP Fogar.
  • Roi Mira Remuiñán, DE 7 anos, do CEIP Canosa-Rus.
  • Yasmín Gomes Fernández, de 4 anos, do CEIP Xesús San Luís Romero.
  • Yslena Silva Loureda, de 6 anos, do CEIP Bergantiños.
  • Lucas Rey García, de 7 anos, do CEIP A Cristina.
O cartel distribuirase polas rúas e comercios de Carballo e a tarxeta de felicitación será a que felicite as Festas do Nadal desde o Concello, así como portada do programa do Nadal Cultural que recolle tódolos actos culturais que se celebran durante as festas Nadal en Carballo. As imaxes faranse públicas en próximos días, durante a presentación do programa do Nadal Cultural 2016.

Compartir: