Inicio Carballo ao día Hemeroteca Carballo impulsa o concurso Youtubeir@s, que...

O CERTAME ABRE O PRAZO DE PARTICIPACIÓN O 1 DE DECEMBRO

Carballo impulsa o concurso Youtubeir@s, que persegue incrementar a presenza e uso do galego nos medios audiovisuais

Martes 29 de novembro do 2016

Presentación de Youtubeir@s en Santiago

Presentación de Youtubeir@s en Santiago

Da man das universidades da Coruña, Santiago e Vigo, do Concello de Carballo e doutros dez municipios de Galicia nace Youtubeir@s, unha iniciativa que ten a vontade de incrementar o uso do galego nos contidos audiovisuais dunha das redes sociais máis empregadas no mundo e que tamén quere incitar e facilitar que todas as persoas compartan as súas habilidades e criterios con vídeos autoproducidos. Hoxe en día, YouTube é a segunda rede social máis empregada, despois de Facebook, superando os mil millóns de usuarias e usuarios que descobren, visualizan e comparten vídeos.

Once concellos de toda Galicia e as tres universidades galegas participan na iniciativa, que conta co seu propio web youtubeiras.gal

A proposta presentouse hoxe, martes 29 de novembro, en Santiago de Compostela, logo dunha reunión de traballo de representantes tanto das universidades como dos concellos da Baña, A Coruña, Ames, Carballo, Mazaricos, Ourense, Pontevedra, Ribadeo, Santiago de Compostela, Teo e O Grove, administracións que perseguen concretar as liñas de actuación conxuntas para a promoción do galego como servizo á cidadanía e concienciar sobre a importancia das TIC á hora de revalorizar a lingua. O obxectivo xeral do proxecto é que haxa máis vídeos con titoriais ou opinións en galego na rede, incentivando, por un lado, a quen xa fai este tipo de vídeos a que use a nosa lingua e, polo outro, a quen ten saberes, destrezas ou opinións que poden ser de interese, a que as converta en vídeos.

Premios de ata mil euros

A cita foi na UDC

A cita foi na UDC

O concurso Youtubeir@s comeza o 1 de decembro, está dirixido a persoas maiores de 14 anos e o prazo de presentación de vídeos hase prolongar ata o 28 de abril. Os e as participantes poderán concorrer a dúas categorías: Video-facermos, para videotitoriais que amosen como facer cousas (unha receita, a instalación dun programa informático, un punto de calceta, como facer cestos ou licor café, un peiteado, unha tatuaxe, etc.); e Vídeo-opinarmos, para vídeos nos que se achegue unha opinión ou valoración sobre calquera tema (valoración dun filme ou videoxogo, opinión sobre un tema de actualidade, crítica dun libro, deporte, moda, etc.).

Cada unha das categorías vai ser premiada cunha contía de mil euros e tamén se asignarán catro mencións honoríficas de cincocentos euros segundo os criterios de valoración que terá en conta o xurado, composto por profesionais da comunicación audiovisual. O programa Youtubeir@s ofrece tamén obradoiros formativos que se desenvolverán nos concellos participantes. Con estas accións formativas, que se han desenvolver de maneira parella ao concurso, procurarase achegar o proceso creativo a calquera persoa que poida estar interesada e facer accesible o uso das redes socias e da linguaxe audiovisual para a transmisión de saberes e opinións. Todos os detalles poden consultarse nas bases -dispoñibles no web do concurso (www.youtubeiras.gal).

Expertos na presentación do proxecto

Hai que mencionar que o proxecto foi presentado pola vicerreitora de Servizos Universitarios do Campus de Lugo, Carme Silva maila coordinadora de Youtubeir@s, Mónica Fernández Valencia. Xunto con elas interviron tamén a Concelleira de Normalización Lingüística de Teo, María Pilar Pérez Faxil, e mais o Concelleiro de Normalización Lingüística de Pontevedra, Alberto Oubiña, que falaron desta iniciativa que atende ás novas tendencias sociais na comunicación actual no que fai, sobre todo, ao papel activo dos e das youtubeir@s na rede.

Ademais, tamén asistiron representantes dos diversos concellos, entre os que estaba o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero.

Ligazóns

Compartir: