Inicio Carballo ao día Hemeroteca Concerto musical e exposición...

CONCERTO DE BATUKO TABANKA: O 3 DE DECEMBRO

Concerto musical e exposición fotográfica sobre Cabo Verde para promover a interculturalidade e a inclusión en Carballo

Mércores 30 de novembro do 2016

Batuko Tabanka

Batuko Tabanka durante unha das súas actuacións

O grupo Batuko Tabanka, integrado por mulleres de orixe caboverdiana afincadas na Mariña lucense, continúa este sábado en Carballo a súa xira polos concellos socios do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade para promover a interculturalidade e a inclusión. O seu concerto complementa a exposición fotográfica ‘Galicia-Cabo Verde: unha irmandade’, realizada polo fotoxornalista Rober Amado no país lusófono como gañador da primeira convocatoria do certame Imaxes con Fondo, que agora mesmo ten aberta a votación online da terceira edición. O concerto terá lugar no Pazo da Cultura ás 19.00 horas, mentres que a mostra poderá visitarse tamén no Pazo da Cultura (andar -1) de 17.00 a 21.00 h horas ata o día 9, todo de balde.

A emigración, a identidade ou a situación da muller son algunhas das cuestións que centran os temas do grupo Batuko Tabanka

A emigración, a identidade ou a situación da muller son algunhas das cuestións que centran os temas de Batuko Tabanka, que tamén ofrecerá unha charla introdutoria na súa actuación. A agrupación reivindica a música tradicional de Cabo Verde ao tempo que difunde a súa cultura entre a sociedade galega, visibilizándoa e favorecendo actitudes de respecto cara a poboación migrante. Así o fan mentres baten con forza e alegría sobre un pano pregado que colocan entre as pernas, o batuko, e mesmo saíndo a bailar nalgunhas cancións.

Exposición de Rober Amado

Dar a coñecer un país co que tradicionalmente ten cooperado o Fondo Galego é tamén o obxectivo da exposición ‘Galicia-Cabo Verde: unha irmandade’. O reporteiro ferrolán Rober Amado, colaborador de diversos medios e galardoado tamén co premio Tiflos da ONCE, pasou un mes visitando boa parte dos proxectos alí apoiados, coa Asociación Nacional de Municipios Caboverdianos como parceiro local. Froito do seu percorrido por media ducia de illas son as imaxes protagonizadas polas persoas beneficiarias destas intervencións, retratos da vida cotiá que en conxunto achegan ao espectador á realidade do arquipélago.

Desde 2002, o Fondo Galego cofinanciou no país lusófono máis de 30 proxectos de cooperación en materia de xénero, educación, auga e saneamento, vivenda ou infraestruturas comunitarias. A exposición fotográfica, que se estreou a finais de 2013 coincidindo coa conmemoración da Irmandade Galicia-Cabo Verde que se concretou na visita dunha delegación caboverdiana, compleméntase con catro paneis explicativos.

Compartir: