Inicio Carballo ao día Hemeroteca O campo de fútbol de herba artificial de...

ESTÁ ACREDITADO POR UN INFORME DO IBV DE VALENCIA

O campo de fútbol de herba artificial de As Eiroas carballés cumpre, segundo as probas realizadas, cos parámetros da FIFA

Xoves 1 de decembro do 2016

Campo de As Eiroas

Unha vista do Campo de As Eiroas co novo céspede artificial

O novo campo de fútbol de herba artificial de As Eiroas cumpre cos "valores establecidos pola Federación Internacional de Fútbol (FIFA) para alta competición", coa clasificación FIFA 2 STAR, de nivel alto. Así o acredita un informe do Instituto de Biomecánica de Valencia (IBV) que realizou in situ as probas necesarias no campo carballés e cuxos resultados están recollidos nun documento con data do 18 de outubro de 2016 remitido posteriormente ao Concello. No mencionado informe establécese que os resultados de todos os ensaios realizados foron "aptos" ao cumpriren cos criterios de referencia establecidos.

O céspede antigo foi substituído por unha nova alfombra monofilamento de última xeración grazas a un proxecto de 360.000 euros

Hai que lembrar que dende primeiros de outubro o Campo de As Eiroas conta cunha nova alfombra de herba artificial, monofilamento, de última xeración despois dun proxexto que contou cun orzamento superior aos 360.000 euros. O proxecto, ademais da substitución da herba artificial, supuxo a renovación para mellorar a base asfáltica existente, revisando as pendentes para facilitar a drenaxe en momentos de choiva. A superficie de herba a substituír foi de máis de 7.200 metros cadrados. O contrato tamén incluíu a substitución das portarías, tanto de fútbol 11 como de fútbol 7, os banderíns de córner e os bancos.

Compartir: