Inicio Carballo ao día Hemeroteca A SD Sofán, Cruz Vermella e o Concello...

ENCONTRO: O DOMINGO 4 DE DECEMBRO NO CARRAL

A SD Sofán, Cruz Vermella e o Concello colaboran cun partido solidario para non deixar a ningún neno sen xoguete este Nadal

Xoves 1 de decembro do 2016

Presentación do partido solidario

Un momento da presentación do partido solidario

Cruz Vermella, a SD Sofán e o Concello unen esforzos este mes de decembro coa celebración o domingo día 4 dun partido solidario no campo do Carral. Co gallo da celebración do encontro da Liga Rexional Preferente contra o Betanzos CF, previsto para ese día ás 16.15 horas, ponse en marcha unha campaña de recollida de xoguetes novos para que ningún neno ou nena quede sen un agasallo este Nadal. A cita está aberta para todas as persoas que queiran colaborar, que poderán depositar os seus paquetes nun posto de Cruz Vermella situado no campo.

Calquera pode contribuír entregando xoguetes que, aínda que non estean a estrear, estean novos e en bo estado de conservación

Matilde Anido, presidenta da Asemblea Local de Cruz Vermella en Carballo, manifestou a intención da entidade de "darlle felicidade aos nenos e nenas nestas datas e en todas as que sexa posible" e tamén lle pide ás persoas que colaboren que acheguen "xoguetes novos", tal e como lles gustaría que os tivesen os seus nenos e nenas. Non é necesario que estean por estrear, pero si en bo estado. Ademais, avanzou a presenza no Carral de Mercedes Villanueva, presidenta provincial de Cruz Vermella e integrante da directiva do Betanzos.

A felicidade dos máis cativos

O presidente do Sofán, Ricardo Serrano, manifestou a satisfacción do club por poder colaborar unha vez máis con Cruz Vermella, "que traballa durante todo o ano para que todos os nenos e nenas teñan xoguetes novos". Por iso, fixo un chamamento xeral para que "todo o mundo leve o domingo o seu xoguete e a campaña sexa un éxito". O Concelleiro de Deporte, Marcos Trigo, e o Alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, quixeron transmitirlle os seus parabéns tanto a Cruz Vermella como ao Sofán, "un club sempre disposto a colaborar neste tipo de proxectos", en verbas de Trigo.

Ferrero, pola súa parte, amosou a súa satisfacción por poder presentar "referentes de solidariedade" que servirán "para facer moito máis felices a moitos nenos e nenas este Nadal". E, no deportivo, tamén desexou que o Sofán poda levar os tres puntos. Non deixedes a ningún neno sen xoguete este Nadal e colaborade!



Galería

Compartir: