Inicio Carballo ao día Hemeroteca O deporte carballés homenaxea a Loli...

MARTES 6 DE DECEMBRO DURANTE TODO O DÍA

O deporte carballés homenaxea a Loli Varela coa celebración dun memorial de baloncesto, balonmán e deporte adaptado

Venres 2 de decembro do 2016

Rolda de prensa

Un momento da presentación na Casa do Concello

O deporte carballés homenaxea á desaparecida Loli Varela coa celebración dun torneo de baloncesto, balonmán e deporte adaptado que terá lugar o martes 6 de decembro no Pavillón Vila de Noia da capital municipal. A súa morte deixou un gran baleiro no deporte carballés e con este torneo a organización pretende recoñecer o seu labor como dinamizadora e impulsora de moitas iniciativas locais. Na cita terán cabida as súas últimas actividades, especialmente na súa relación co baloncesto feminino, onde foi a “culpable” da consolidación destes equipos dentro do Club Baloncesto Artai e tamén dentro da agrupación Un paso Máis con especial énfase no deporte adaptado, concretamente no baloncesto en cadeira de rodas.

Por todo o anterior, o Concello de Carballo, o Club Baloncesto Artai, Un paso máis e a sección de balonmán de Xiria únense coa colaboración de Conservas Calvo, a Deputación da Coruña, Deporte Galego e o Colexio Artai para redenderlle xusta homenaxe. Joaquín Moreira do Club Baloncesto Artai, quixo sinalar a "calidade humana" e todo o seu labor a prol do deporte. Manuel Cantelar, de Un paso máis, subliñou que foi "moi importante para a entidade" loitando polo deporte para xente con discapacidades, nomeadamente, o baloncesto adaptado. Dende balonmán Xiria tamén quixeron valorar todo o traballo que fixo polo equipo e Luciano Calvo, en representación de Conservas Calvo, afirmou emocionado a enorme "calidade humana de Loli". O Alcalde, Evencio Ferrero, quixo recoñecer o labor de persoas como Loli "que deixan algo na súa cidade e na sociedade".

Horarios

Os horarios previstos para o torneo, que está previsto que teña continuidade en próximos anos, son os seguintes:

  • 10.00 horas. Partido  baloncesto cadete femenino: CB Artai-CB Laracha
  • 11.00 horas. Partido baloncesto  cadete femenino: EB Xiria-ACB Costa da Morte.
  • 12.00 horas. Partido balonmán Grupo Lemaco-Punta del Este, ambos equipos de Xiria.
  • 15.30 horas. Partido baloncesto cadete femenino: CB Laracha-ACB Costa da Morte.
  • 16.15 horas. Partido balonmán entre o Goldie Xiria senior e ex –xogadoras do club.
  • 17.00 horas. Partido cadete femenino: CB Artai-EB Xiria.
  • 17.45 horas. Partido en cadeira de rodas: Exhibición Basketmi Ferrol.
  • 19.00 horas. Entrega de agasallos e trofeos.



Galería

Compartir: