Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Concello pon en marcha o proceso para licitar o...

NOVO CURSO DE COCIÑA PARA PROFESIONAIS NO FÓRUM

O Concello pon en marcha o proceso para licitar o servizo de Axuda no Fogar por un importe superior aos cinco millóns de euros

Mércores 7 de decembro do 2016

Curso de cociña no Fórum Carballo

Un dos cursos de cociña celebrados no Fórum Carballo

A Xunta de Goberno Local reunida en sesión ordinaria o luns 5 de decembro aprobou o expediente de contratación do servizo de "Axuda no Fogar no Concello de Carballo". O obxectivo deste servizo é o de mellorar a calidade de vida das persoas que viven nos seus domicilios e requiren algún tipo de apoio para a realización de tarefas básicas para a vida diaria. Trátase cun conxunto de intervencións profesionais de carácter preventivo, rehabilitador e asistencial, planificadas, coordenadas e supervisadas polo persoal técnico designado dos Servizos Sociais de atención primaria. O orzamento de contrata por todo o período de duración do contrato, incluídas as posibles prórrogas (4+2 anos) ascende a 4.160.727,56 euros, por un total de 5.034.480,34 se engadimos o IVE. As propostas presentaranse segundo o prezo do servizo por hora.

O prazo de duración previsto para o contrato do servizo de Axuda no Fogar sería de catro anos, cunha posible prórroga de dous anos

O apartado de contratación incluíu outros asuntos na orde do día, como a licitación dun servizo de formación en cociña que se impartirá no Fórum Carballo, cun proxecto relacionado coa ocupación de cociñeiro/a, axudante de cociña ou operacións de cátering. O obxectivo é mellorara a profesionalización do sector e tamén que a acción formativa sexa impartida por profesionais dos sector que axuden a mellorar a calidade e orixinalidade da cociña dos locais hostaleiros. O orzamento de licitación previsto para o período de duracion do contrato, de dous anos máis un ano de prórroga é de 308.550 euros (IVE incluído).

Sinalización viaria e pavimento polideportivo

A sesión supuxo tamén a aprobación do expediente de contratación para os servizos de "Conservación, mantemento, reposición e traballos de sinalización horizontal na rede viaria do Concello de Carballo". Neste caso, o orzamento para todo o período de duración do contrato, (2+1 ano) sería de 198.000 euros (IVE incluído). Ademais, saíu adiante o contrato de subministro de "Pavimento deportivo para as instalacións deportivas do Concello de Carballo" por un importe de licitación de 82.182,82 euros e que suporá a instalación dun pavimento para dous dos pavillóns polideportivos en centros educativos da vila.

Por último, o apartado de contratación pechouse coa adxudicación do contrato administrativo do "Servizo de Wi Fi nos edificios do Concello de Carballo". A empresa adxudicataria é Emetel Sistemas SL de Oleiros por un importe de 12.819,95 euros por un período de dous anos (sen posibles prórrogas, IVE incluído).

Convenio con Cáritas e subvencións para servizos sociais

A Xunta de Goberno aprobou, así mesmo, un convenio de colaboración entre o Concello de Carballo e Cáritas Interparroquial de Carballo para o financiamento do albergue San Juan, un centro de emerxencia social no que se atenden as necesidades de persoas afectadas por situacións valoradas como de "exclusión social" e no que se impulsan actuacións programadas que favorezan a inclusión socio laboral destas persoas. A subvención concedida polo Concello de Carballo ascende a 6.000 euros.

Por último, hai que mencionar a aprobación da concesión de subvencións a asociacións e colectivos sen ánimo de lucro que desenvolvan accións no eido dos servizos sociais. Estas axudas están dirixidas a entidades sen ánimo de lucro que podan ser consideradas de interese social para o Concello, contribuíndo ao desenvolvemento de actuacións que de xeito prioritario estean dirixidas á poboación desfavorecida. Concedéronse 9 subvencións por un total de 28.826 euros.

Para rematar, a sesión supuxo a aprobación de catro vaos permanentes e unha licenza de obra.

Descargas

Compartir: