Inicio Carballo ao día Hemeroteca Carballo renova por terceiro ano consecutivo as...

TRÁTASE DO ISO 14.001 E DO EUROPEO EMAS

Carballo renova por terceiro ano consecutivo as certificacións internacionais que avalan a calidade medioambiental das súas praias

Luns 12 de decembro do 2016

Praia de Razo

Praia de Razo

O Concello de Carballo renova por terceiro ano consecutivo as certificacións internacionais que avalan a súa calidade medioambiental e de xestión de servizos para as praias de Razo, Baldaio-Saiñas e Pedra do Sal. Trátase da ISO 14.001 e do Esquema Europeo de Ecoxestión e Ecoauditoría (EMAS), este último o máis esixente dos que están implantados en Europa a nivel de xestión ambiental. O obxectivo destas certificacións é o de promover a mellora constante do medio. Trátase dun sistema voluntario para organizacións dispostas a comprometerse a avaliar e mellorar as súas prestacións dende o punto de vista ambiental.

A implantación dos certificados supón a mellora na calidade da xestión medioambiental, o aforro de recursos ou a redución de custos

A obtención do EMAS supón un traballo de meses que require unha avaliación previa que esixe unha serie de requisitos lexislativos e regulamentarios, ademais duns criterios, uns servizos e unhas prácticas medio ambientais concretas. Tamén deben terse en conta as incidencias que teñan repercusión no medio ambiente, ademais de xerarse un sistema de resolución de problemas. Así, en caso de darse algunha situación de emerxencia, o EMAS  proporciónalle ao Concello un sistema documentado de ensaio que valida calquera emerxencia con accións correctoras e preventivas, que tamén minimicen a posibilidade de que volva a darse esa situación no futuro.

Auditorías no mes de setembro

O resultado das auditorías realizadas a principios do mes de setembro, e que avalan a calidade dos servizos de Razo, Baldaio-As Saíñas e Pedra do Sal. A implantación do EMAS e do ISO 14.001 supón a mellora na calidade da xestión medioambiental, o aforro de recursos e a redución de custos, así como a mellora da credibilidade e da imaxe dos organismos que obteñen este certificado. Ademais, o Concello está na obriga de realizar auditorías cada ano para comprobar que se seguen a cumprir os parámetros, nun proceso constante de avaliación da calidade.

É importante resaltar que, ademais de contar cunha ordenanza específica, estes areais dispoñen dos seguintes servizos: servizo de limpeza durante todo o ano (con diferentes frecuencias), recollida selectiva de lixo no verán, de saneamento e o servizo de salvamento e socorrismo durante os tres meses de verán. O goberno espera ampliar a rede de abastecemento municipal a estas zonas, o cal é unha prioridade dentro do Plan Director de Abastecemento.

Compartir: