Inicio Carballo ao día Hemeroteca Volve o Inverno Ancestral de Senda Nova co...

DO 13 DE DECEMBRO AO 17 DE FEBREIRO

Volve o Inverno Ancestral de Senda Nova co Apalpador, xogos tradicionais e as esperadas historias a carón do lume

Martes 13 de decembro do 2016

Magosto Inverno Ancestral Senda Nova

Magosto de presentación do Inverno Ancestral de Senda Nova

Senda Nova organiza un ano máis, coa colaboración do Concello, o Inverno Ancestral, unha forma de darlle a benvida ao cambio de estación con actividades propias destas datas. O programa deu comezo o domingo 11 de decembro cun magosto popular ao carón das brasas ao cal acudiron medio centenar de persoas para pasar unha boa tarde entre compañeiros e castañas. Esta cuarta edición do Inverno Ancestral mantén o obxetivo de preservar e compartir o noso patrimonio inmaterial máis achegado e desta volta o programa inclúe actividades que van dende unha tarde de xogos tradicionais até visitas do Apalpador ou historias a carón do lume.

Este ano o programa inclúe un encontro cunha parella de Moldavia que compartirán os costumes do seu país durante o inverno

O 18 de decembro a Escola Unitaria de Oza acolle ás 16.30 horas unha tarde de xogos e xoguetes tradicionais para recuperar e dar a coñecer os xogos dos nosos avós e avoas e mostrarllos aos máis pequenos e a todo aquel que se queira chegar. Tamén se fomenta a creación de xoguetes con materiais que todos temos pola casa, e demóstrase neste época tan consumista a importancia que ten o facer algo por nós mesmos. Será o domingo 18 na Escola unitaria de Oza ás 16.30 horas.

O Apalpador nas Escolas

Como en anos anteriores, a figura do Apalpador será protagonista do Nadal galego entre os máis pequenos. Os nenos e nenas das escolas de Carballo e Coristanco traballarán nas aulas a figura de dito personaxe e ademais tendrán a sorte de velo en persoa, pois o apalpador faralles unha visita nas aulas dende o día 14 até o 21 de decembro. Ademais, terá lugar a mostra "O Apalpador imaxinado", unha exposición de traballos sobre o Apalpador con traballos realizados nas aulas polos nenos e nenas das escolas de Carballo e Coristanco o pasado ano. Estarán expostos na Biblioteca Rego da Balsa a partir do martes 13 de decembro.

E no programa non podían faltar as Historias de inverno. Igual que en anos anteriores, son os máis maiores do lugar os encargados de narrar as vivencias e historias da súa parroquia a través de diferentes temáticas introducidas por un presentador. Unhas entretidas e interesantes narracións que se seguen mantendo outro ano máis entre as nosas actividades de inverno. Este ano o programa visita as parroquias de Berdillo e Sísamo (Carballo), Loroño (Zas), Buño (Malpica), Carnés (Vimianzo), Couso (Coristanco) e Vilaño (A Laracha). Tamén haberá unha tarde de historias e contos a través dunha parexa moldava que nos contará como son os invernos e costumes de Moldavia. Todas as citas comezarán ás 19.00 horas e serán todos os mércores dende o 21 de decembro.



Galería

Compartir: