Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Concello de Carballo inicia os trámites...

FORMACIÓN PARA O EMPREGO

O Concello de Carballo inicia os trámites para poñer en marcha unha escola municipal de hostalería pioneira en Galicia

Xa está en marcha o procedemento de contratación da xestión do centro, na que primarán o proxecto educativo e o currículo

Domingo 1 de xaneiro do 2017 Carballo ao día

A formación en hostalería vai dar un salto cualitativo na Costa da Morte. Nunha iniciativa pioneira en Galicia, o Concello de Carballo asume o reto de preparar ás primeiras promocións de profesionais da cociña formados cun programa propio e específico, adaptado ás necesidades laborais do sector e financiado exclusivamente con fondos propios.

O procedemento para a contratación da xestión do servizo xa está en marcha. O Concello de Carballo investirá un total 308.550 euros nos vindeiros tres anos (2017-2019) para formar a tres promocións de profesionais da cociña altamente cualificados e preparados para acceder ao mercado de traballo. A calidade é o eixo de todo o proxecto, comezando polas instalacións do Fórum Carballo, que están entre as mellores de Galicia. E por iso tamén á hora de seleccionar ao equipo xestor do centro terase en conta, sobre todo, o proxecto formativo, tanto no que se refire ao modelo de organización do servizo e do equipo de traballo como ao currículo do profesorado. Os aspirantes, de feito, deberán acreditar a súa solvencia técnica achegando, como persoal mínimo, un director ou directora vinculado/a ao sector con coñecementos avaliables nun centro de traballo de 10 anos como mínimo, e un técnico ou técnica superior en dirección de cociña con experiencia mínima dun ano como cociñeiro/a. Á hora de valorar os currículos, ter unha Estrela Michelín, un Sol Repsol ou premios a nivel galego ou estatal pode supoñer ata 30 puntos, o que demostra a firme aposta pola calidade que se está a facer dende a Concellaría de Promoción Económica. O prazo de presentación de ofertas aínda está aberto.

O obxectivo é converter a escola de hostalería do Fórum Carballo no centro dun proxecto formativo competente e innovador, que satisfaga as necesidades do tecido empresarial, do demandante de emprego e do ámbito territorial local e comarcal. Segundo a Estratexia Española de Activación para o Emprego, as ocupacións con mellores perspectivas de emprego están relacionadas cos sectores e actividades que mostran maior dinamismo: turismo, hostalería, lecer e restauración.

Compartir: