Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Concello de Carballo aplica en Cances Grande as...

Asinado o contrato para completar a mellora da rede viaria con cemento en todo o lugar

O Concello de Carballo aplica en Cances Grande as directrices de Patrimonio para pavimentacións en núcleos históricos

Luns 2 de xaneiro do 2017 Carballo ao día

O Concello de Carballo está a reforzar o investimento en actuacións que contribúen a mellorar a calidade de vida nas parroquias. Un claro exemplo é a pavimentación de Cances Grande, no que se están a aplicar as directrices da Dirección Xeral de Patrimonio da Xunta de Galicia para as intervencións na rede viaria dos núcleos históricos ou, como é o caso, que atesouran numerosos bens patrimoniais.

Deste xeito, o núcleo de Cances Grande é obxecto dun proxecto singular que inclúe a pavimentación con cemento de todo o lugar, ademais da instalación ou renovación dos servizos soterrados. Despois dunha primeira fase na que se pavimentaron preto de 12.000 metros cadrados, este mesmo mes dará comezo a segunda, que abrangue os 2.400 metros cadrados que faltan para completar o lugar.

As obras serán executadas pola empresa Construcciones López Cao S.L. cun orzamento de 42.350 euros. Un representante da construtora e o alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, asinaron hoxe o contrato, nun acto no que tamén estivo presente o concelleiro de Obras e Servizos, Luis Lamas. O proxecto, que ten un prazo de execución de dous meses, inclúe o recrecido das tapas dos pozos e arquetas, a instalación de sumidoiros soterrados e redes de saneamento e abastecemento onde sexa preciso; a limpeza e a ampliación dalgunhas vías para mellorar a circulación, e, finalmente, a pavimentación.

A veciñanza de Cances Grande amosouse moi satisfeita co resultado da primeira fase das obras, que marcan unha clara aposta por un tratamento de calidade nas actuacións na rede viaria nas parroquias e que o goberno municipal quere estender a outros núcleos rurais.

Compartir: