Inicio Carballo ao día Hemeroteca Todo listo para a chegada dos Reis Magos a...

TEMPO DE NADAL

Todo listo para a chegada dos Reis Magos a Carballo

Mércores 4 de xaneiro do 2017 Carballo ao día

En Carballo xa está todo preparado para a visita anual dos Reis Magos, que chegarán mañá pola tarde en coches ao Centro Comercial Bergantiños Hiper-GADIS escoltados pola Policía e Protección Civil, encargados de que todo o desfile transcorra con seguridade e tranquilidade, ademais de regular o tráfico ao paso das carrozas. As súas maxestades saudarán aos nenos e nenas antes de subir ás carrozas e iniciar un percorrido que os levará polos distintos barrios, como se pode ver no plano.

Para facer máis levadeira a espera na Praza do Concello, onde os Reis Magos recibirán a todos os nenos e nenas que o desexen, haberá obradoiros e animación a partir das 18.30 h con actividades de globoflexia e xogos ata a chegada da cabalgata. Este ano o acto de recepción celebrarase na carpa que está instalada diante do Concello. Á chegada dos Reis, o alcalde, en nome de todos os cidadáns de Carballo, recibirá e saudará ás Maxestades Reais, que se dirixirán a todos os asistentes. A continuación, e xa dentro da Casa do Concello, os nenos e nenas poderán achegarse aos Reis e facerlles entrega das cartas en man e realizar as peticións que desexen.

Recomendacións de seguridade

A seguridade é moi importante, e por iso debemos facer caso das recomendacións de Protección Civil e Policía Local. Así, prégase que os pais, nais e adultos que acompañen aos nenos e nenas os teñan vixilados en todo momento e que garden unha distancia de seguridade con respecto ás carrozas, que este ano ofrecerán un aspecto renovado. Tamén se solicita aos maiores que faciliten aos nenos as primeiras filas e espazos para que os máis cativos poidan ver mellor aos Reis. Advírtese sobre a extrema precaución cos carriños dos bebés, que non sobresaian das liñas do público marcadas polos servizos de seguridade.

Débense respectar en todo momento as indicacións sobre as liñas para o público marcadas polos servizos de seguridade, non recoller caramelos próximos ás carrozas e non utilizar paraugas para recoller caramelos, xa que suponen un perigo engadido para os máis pequenos. En todo momento, débense atender e respectar ás indicacións da organización e servizos de seguridade. Desde a organización pídese e agradécese a colaboración da cidadanía para o correcto desenvolvemento desta actividade e así poder desfrutar desta tarde tan especial para todos.

Organización

O equipo organizador está integrado polo Concello de Carballo e a Asociación Xuvenil Fogar da Xuventude, que contan coa colaboración de Agrupación de Protección Civil de Carballo, Policía Local de Carballo, Brigada Municipal de Obras, Centro Comercial Bergantiños Hiper-GADIS (achegan 600 Kg de caramelos) e Fundación La Caixa (que achega os 500 Kg de caramelos que se repartirán na Cabalgata), Automóviles Gonzacar que cede os coches que transportan as carrozas, e Alquileres Reneymar que aporta un camión para a cabalgata e instalará calefactores baixo a carpa onde terá lugar a recepción dos Reis na Praza.

HORARIOS

  • Chegada ao Centro Comercial Bergantiños Hiper-GADIS: 17.00 h
  • Saída do Centro Comercial Bergantiños: 17.30/17.45 h
  • Chegada á Praza do Concello: 19.30- 20.00 h 



Galería

Compartir: