Inicio Carballo ao día Hemeroteca A vindeira semana comezarán en distintos...

PLANIFICACIÓN URBANA

A vindeira semana comezarán en distintos barrios de Carballo obras de mellora da mobilidade por máis de 550.000 €

O alcalde, Evencio Ferrero, asinou hoxe os contratos coas empresas que executarán os proxectos de accesibilidade no Pazo da Cultura, o Barrio das Flores e a rúa Xúpiter

Xoves 5 de xaneiro do 2017 Carballo ao día

O ano 2017 comeza con obras de mellora da mobilidade en distintos barrios do casco urbano. O luns arrancarán os traballos de eliminación de barreiras arquitectónicas na rúa Xúpiter, segundo avanzou o representante da empresa adxudicataria, Construcciones Ramón Vázquez y Reino, durante a sinatura do contrato na mañá de hoxe. Nesta rúa singular dentro do casco urbano, na que hai décadas que non se realizaba ningunha actuación, o Concello de Carballo procederá agora á renovación de todos os servizo soterrados e a construción de plataforma única, respondendo deste xeito a unha demanda veciñal. Nesta obra, que mellorará substancialmente a accesibilidade, o Concello de Carballo investirá 75.519,24 euros.

Sinatura do contrato das obras do Pazo da Cultura

Sinatura do contrato das obras do Pazo da Cultura

O alcalde, Evencio Ferrero, asinou hoxe os contratos correspondentes a outras dúas obras que, coma a anterior, están incluídas no Plan de Acción Social (PAS) da Deputación Provincial da Coruña. Construcciones Alejandro Martínez e Hijos S.L será a encargada de instalar un elevador para mellorar a accesibilidade a un edificio de uso tan masivo como o Pazo da Cultura, no que se investirán 29.339,52 euros.

Sinatura do contrato das obras do Barrio das Flores

Sinatura do contrato das obras do Barrio das Flores

Pola súa banda, a empresa Lancer Proyectos y Obras S.A. executará, tamén a partir da semana que vén, traballos de mellora da accesibilidade nas rúas Mirtos, Malvas, Camelias, Moreiras e Violetas, todas elas no Barrio das Flores, onde tamén acondicionará as zonas deportivas, o mobiliario urbano e o parque infantil da praza de San Cristovo. O prazo de execución é de tres meses, e o investimento acada os 187.099,81 euros.

Ao mesmo tempo, no Barrio das Flores arrancará despois das vacacións de Nadal outro proxecto longamente demandado pola veciñanza: a urbanización da travesía de Sísamo, de titularidade provincial e promovida dende a Deputación da Coruña. Esta primeira fase desenvolverase entre os puntos quilométricos 0,000 e 0,310 da vía provincial DP-1901. Os traballos, adxudicados por 270.717,75 euros á empresa Excavaciones y Obras Candal S.L., inclúen a renovación de todos os servizos, a construción de plataforma única e a instalación de mobiliario urbano.

Compartir: