Inicio Carballo ao día Hemeroteca A formación na Escola de Hostalería...

FORMACIÓN PARA O EMPREGO

A formación na Escola de Hostalería de Carballo será gratuíta

Dúas empresas optan á xestión do centro municipal, que se encargará de preparar nos vindeiros tres anos a 45 profesionais da cociña

Luns 9 de xaneiro do 2017 Carballo ao día

O Concello de Carballo financiará con fondos propios e de forma íntegra o custo da posta en marcha da primeira escola municipal de hostalería de Galicia. Isto supón que a formación será totalmente gratuíta para as 45 persoas desempregadas que poderán prepararse como profesionais da cociña nos vindeiros tres anos. Os alumnos e alumnas non só non pagarán matrícula, senón que recibirán cadanseu equipo de traballo, composto por vestiario e os medios materiais básicos para desenvolver as súas prácticas.

Deste xeito, a escola de Carballo non só será a primeira municipal, senón tamén a primeira gratuíta. Por exemplo, na escola Álvaro Cunqueiro, xestionada pola Asociación Provincial de Empresarios de Hostelería de A Coruña, o curso de Técnico Operativo en Cociña inclúe unha matrícula anual de 250 euros e cotas de 195 euros cada mes. Na escola San Javier, tamén da Coruña, o custo é de 125 euros de matrícula e 125 euros ao mes. Cada un destes centros ofrece 2.300 horas de formación repartidas en dous cursos. En Carballo serán 1.135 horas nun só curso (815 teórico-prácticas nas instalacións do Fórum e 320 de prácticas laborais en empresas), con clases de luns a venres, de 09.00 a 14.00 horas.

Contrato de xestión

A día de hoxe, a posta en marcha da Escola de Hostalería de Carballo está un pouco máis próxima, posto que xa rematou o prazo de presentación de ofertas para a prestación dos servizos de formación. Hai dúas empresas que optan á xestión do centro. A mesa de contratación terá que valorar agora as súas propostas, polo que, en principio, a adxudicación é cuestión de poucas semanas.

O alumnado será seleccionado por unha comisión mixta, integrada pola empresa adxudicataria e o Concello de Carballo

O contrato terá dous anos de duración, con posibilidade de un terceiro de prórroga. O Concello de Carballo investirá neses tres anos (2017-2019) un total de 308.550 euros. Aínda que o proxecto formativo definitivo terá que concretalo a empresa que resulte adxudicataria, a Concellería de Promoción Económica establece no prego de prescricións técnicas unha serie de condicións inamovibles que responden á busca da calidade, que é o eixo de todo o proxecto, pero tamén á necesidade de satisfacer as necesidades reais do mercado laboral. Deste xeito, o alumnado prepararase en aprovisionamento e organización en hostalería, preelaboración e conservación de alimentos, produtos e técnicas culinarias, cociña tradicional, cociña de vangarda, panadería e repostería e seguridade e hixiene na manipulación de alimentos. Ademais recibirá un mínimo de 3 masterclass  e terán que realizar demostracións prácticas do seu traballo, como mínimo 3 comidas-degustación para un máximo de trinta persoas e 2 showcooking.

O obxectivo é converter a escola de hostalería do Fórum Carballo no centro dun proxecto formativo competente e innovador, que satisfaga as necesidades do tecido empresarial, do demandante de emprego e do ámbito territorial local e comarcal. Segundo a Estratexia Española de Activación para o Emprego, as ocupacións con mellores perspectivas de emprego están relacionadas cos sectores e actividades que mostran maior dinamismo: turismo, hostalería, lecer e restauración.

Compartir: