Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Concello de Carballo habilita un aparcamento no...

O Concello de Carballo habilita un aparcamento no terreo anexo ao colexio que se adquiriu a medias coa parroquia de Sofán

A actuación completarase cunha plantación de árbores autóctonas

Martes 10 de xaneiro do 2017 Carballo ao día

A colaboración entre o Concello de Carballo e a parroquia de Sofán dá froito por segunda vez. Despois da experiencia pioneira que supuxo a adquisición dun terreo anexo á igrexa para construír a praza _que, por certo, foi finalista no 2013 dos premios do Colexio de Arquitectos de Galicia na categoría de Espazos Abertos Públicos_, a aplicación do Regulamento Municipal de Participación Veciñal fixo posible agora o acondicionamento dun aparcamento xunto ao CEIP Gándara-Sofán.

Concello de Carballo e veciñanza volveron a poñerse de acordo para comprar unha superficie anexa ao centro escolar que supera os 5.000 metros cadrados, e que ofrece, polo tanto, numerosas opcións de aproveitamento a curto, medio e longo prazo. A primeira posibilidade xa se materializou co acondicionamento do aparcamento, que ten capacidade para cen vehículos, aproximadamente. A actuación completarase coa creación dun novo acceso ao recinto escolar dende o propio aparcamento para evitar riscos, do mesmo xeito que, na procura da maior seguridade viaria posible, a zona de estacionamento dos autobuses está separada da dos coches privados.

O alcalde, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Obras e Servizos, Luis Lamas, supervisaron o remate da obra, que facilitará substancialmente a mobilidade de docentes e familias ás horas de entrada e saída do colexio.

Noutra parte da ampla superficie mercada a medias entre o Concello de Carballo e a parroquia de Sofán realizarase unha plantación de árbores autóctonas, como se fixo en Artes, outra das parroquias onde se utilizou o modelo de colaboración entre o Concello e a veciñanza xunto con Berdillo, Oza e Ardaña. Nesta última afrontaremos este ano a construción dun centro social. A obra está pendente de adxudicación.

Compartir: