Inicio Carballo ao día Hemeroteca Xa son 39 as licenzas tramitadas para a...

PROMOCIÓN ECONÓMICA

Xa son 39 as licenzas tramitadas para a construción de naves industrais na segunda fase do polígono de Bértoa

O ano pasado foi o de maior actividade dende que entrou en servizo a ampliación do parque empresarial carballés, no 2011

Martes 10 de xaneiro do 2017 Carballo ao día

No novo parque empresarial de Bértoa xa están vendidas ou reservadas case o 45% das parcelas, entre elas as de maior tamaño (40.000 e 35.000 metros cadrados), e desde a posta en servizo da segunda fase do polígono, no ano 2011, tramitáronse no Concello de Carballo licenzas para a construción de 39 naves industriais. O ano 2016 foi o de maior actividade, cun total de 10 licenzas, segundo a información facilitada pola Oficina Técnica Municipal (OTM). Deste xeito consolídase unha lixeira tendencia ascendente iniciada no 2014, despois da parálise que supuxo a crise a partir do 2008.

A segunda fase do parque empresarial ten unha superficie de 718.000 metros cadrados. Nestes momentos hai 41 parcelas vendidas (cifra que se corresponde practicamente co número de licenzas tramitadas) e 25 reservadas, o que supón que nos vindeiros anos podería incrementarse aínda máis a actividade. Xestur ten á venda outras 81 parcelas con prezos bonificados.

Os datos correspondentes ao último ano demostran que a actividade empresarial de tipo industrial repunta lixeiramente en Carballo, do mesmo xeito que se mantén a comercial. No 2016 tramitáronse 60 aperturas de locais (as antigas actividades inocuas e molestas). Dende que entrou en vigor a nova tramitación, no ano 2013, as cifras son moi semellantes, como se aprecia no cadro adxunto.

Ligazóns

Compartir: