Inicio Carballo ao día Hemeroteca Carballo Limpo amplía o plan de...

Carballo Limpo amplía o plan de implantación de composteiros debido ao elevado número de solicitudes

As persoas interesadas poden recoller o impreso de inscrición na Casa do Concello

Xoves 19 de xaneiro do 2017 Carballo ao día

Finalmente serán 45 as vivendas que se sumarán ao programa de compostaxe caseira promovido polo Concello de Carballo nesta cuarta fase. Inicialmente dende Carballo Limpo ofreceuse a implantación de 25 composteiros, pero debido ao elevado número de solicitudes e grazas, de novo, á implicación de Sogama, será posible ampliala ata 45.

Nestes momentos hai 130 vivendas que dispoñen xa de composteiro, e que están a colaborar na eliminación da fracción húmida dos residuos sólidos, que é a máis pesada e a que ten maior custe de tratamento. Grazas á colaboración veciñal conseguimos eliminar 85 toneladas ao ano dos colectores verdes, e queremos seguir mellorando.

As persoas que queiran colaborar na consecución dun Carballo máis sostible só teñen que presentar a súa solicitude no Concello de Carballo, onde se lles facilitará o impreso correspondente. Tanto o composteiro coma a formación para o seu uso serán de balde grazas á implicación de Sogama.

Ligazóns

Compartir: