Inicio Carballo ao día Hemeroteca A Concellería de Terceira Idade retoma a...

A Concellería de Terceira Idade retoma a temporada de bailes

Rocío Pérez e Sintonía da Cruña actuarán no primeiro trimestre en varias das sesións para maiores que se celebran todos os domingos no Pazo da Cultura

Venres 20 de xaneiro do 2017 Carballo ao día

O baile é unha actividade física moi completa e moi recomendable para os maiores, porque, ademais de mellorar a súa saúde física e mental, axúdaos a aumentar a autoestima, a relacionarse e a desinhibirse, a aumentar a súa autonomía e, sobre todo, a divertirse. Pensando en todos estes beneficios, a Concellería de Terceira Idade de Carballo organiza sesións de baile todos os domingos, de 18.00 a 21.00 horas, tanto con música “enlatada” coma con actuacións en directo.

A estrela das últimas sesións foi a carballesa Rocío Pérez, que xa conseguiu meter ao público no peto coa súa voz e o seu espectáculo. Dado o seu éxito que acadou entre os maiores, para comezar esta nova temporada de bailes a concelleira de Terceira Idade, Carmen Regueira, pechou xa as próximas actuacións de Rocío, que se celebrarán este domingo, día 22, así coma o 12 e o 28 de febreiro. Este último baile coincidirá coa tradicional Festa de Entroido. E o 5 de marzo haberá unha novidade, xa que actuará por primeira vez en Carballo o conxunto Sintonía da Cruña.

Compartir: