Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Concello de Carballo senta as bases para a...

O Concello de Carballo senta as bases para a participación veciñal na estratexia de mellora do espazo público

O proxecto comezará cunha análise previa que permita articular as medidas precisas para garantir a convivencia harmónica entre todos os usuarios/as do ámbito urbano

Martes 24 de xaneiro do 2017 Carballo ao día

O proceso de participación veciñal polo que está a apostar o Concello de Carballo con medidas como a creación dos Consellos Parroquiais vai ir un paso máis alá coa implicación da cidadanía na mellora do espazo público urbano.  

A ninguén se lle escapa o importante proceso de transformación que está a experimentar a nosa vila nos últimos anos grazas a unha serie de actuacións que pretenden mellorar a calidade de vida da veciñanza e solucionar os problemas de mobilidade, accesibilidade e seguridade existentes. A creación de amplos espazos de aparcamento a poucos minutos do centro urbano, a reurbanización de rúas, a posta en marcha do Pedibús ou o Metrominuto son iniciativas que responden a esa filosofía. Pero o goberno municipal considera que chegou o momento de establecer unha estratexia na que se planifiquen as actuacions a curto, medio e longo prazo, e tamén está convencido de que unha tarefa tan importante, que afecta a un espazo que é de todos e todas, require da participación activa da cidadanía.

Como primeiro paso cara a consecución dese obxectivo, o Concello de Carballo inicia hoxe mesmo  o procedemento de contratación dos servizos de formulación da estratexia de mellora e xestión do espazo público urbano, un documento que servirá de referencia para actuacións en materia de mellora do espazo público, medio ambiente, mobilidade e accesibilidade que realice calquera das Administracións con competencias neste ámbito, e que, a partir dese momento, deberán basearse na consecución dun espazo público de calidade, cun tráfico acougado,  máis seguro para peóns e ciclistas, con máis áreas de aparcamento que permitan promover a utilización racional do automóbil privado e, en consecuencia, a mellora da calidade ambiental da nosa vila.

Contrato

O contrato terá unha duración de 18 meses, e desenvolverase entre este ano e o 2018. A empresa adxudicataria terá que axustarse a un cronograma e ás fases establecidas dende a Concellería de Planificación e Mobilidade Urbana. Deste xeito, a primeira parte do traballo consistirá nun detallado traballo de análise e diagnóstico da situación actual (patróns de mobilidade, tráfico pesado, zonas de aparcamento, mobilidade peonil, estado das infraestruturas, etc) a partir do cal se plantexarán as propostas de actuación. A información recompilada poñerase a disposición da cidadanía para acadar a súa implicación no deseño das medidas concretas. Das conclusións extraídas destas dúas primeiras fases de traballo sairá a estratexia de actuación, cun plan director que marque as liñas de investimento do Concello de Carballo.

A divulgación, o seguimento e o control da estratexia serán os últimos pasos do proceso, co que pretendemos seguir avanzando cara a consecución dun contorna urbana cada vez máis habitable e de maior calidade ambiental dende todos os puntos de vista e na creación de novas sinerxias entre ou urbano e ou rural que contribúan á dinamización e ao asentamento de poboación nas parroquias rurais.

Compartir: