Inicio Carballo ao día Hemeroteca O comercio carballés analiza a súa...

PROMOCIÓN ECONÓMICA

O comercio carballés analiza a súa situación como paso previo ao plan de mellora da competitividade do sector

30 establecementos poderán integrarse, nunha primeira fase, no selo Carballo Compromiso Calidade

Xoves 26 de xaneiro do 2017 Carballo ao día

O selo Carballo Compromiso Calidade non lucirá unicamente nos 20 establecementos do sector turístico que o estrearon o ano pasado. A Concellería de Promoción Económica pretende incrementar esa cifra ao longo do 2017, pero non só con incorporacións procedentes da hostalería, senón tamén do comercio. Nunha primeira fase poderán integrarse ata 30 establecementos, e polo concorrido que estivo o Foro do Comercio no que se presentou a iniciativa onte pola noite, semella que non faltarán candidaturas. O prazo está aberto ata o 1 de febreiro, e os impresos de solicitude poden recollerse nas oficinas municipais do Fórum Carballo.

Máis de 50 comerciantes participaron no foro

Máis de 50 comerciantes participaron no foro

Foi precisamente neste complexo no que tivo lugar a celebración do Foro do Comercio, que serviu para realizar unha análise previa á posta en marcha do plan de mellora da competitividade do sector. O obxectivo fundamental, como indicou o concelleiro de Promoción Económica, Xosé Regueira, é “crear unha marca Carballo moi potente, pero sempre vinculada á calidade”. 

Para iso será preciso traballar naqueles aspectos da actividade comercial nos que máis frouxo está o sector. Como se determinarán? De varias formas, pero os traballos previos apuntan a que a gran necesidade é a formación, e sobre todo relacionada con aspectos de atención ao cliente. Esa é a principal eiva do comercio carballés en opinión da Unión Galega de Consumidores (UGAL), que estivo representada no foro por Yolanda Pérez. “Pola nosa experiencia vemos que se coida moito a imaxe do negocio, que é moi importante, pero non sabemos actuar cando un cliente pide unha folla de reclamación, por exemplo”, explicou. No mesmo sentido manifestouse Ana Caamaño, da empresa que está a desenvolver o plan de mellora da competitividade do comercio, tras analizar os datos recompilados nas 20 visitas que realizou o “cliente misterioso” a empresas carballesas. 

O punto de vista do cliente foi un dos eixos arredor dos que xirou o Foro do Comercio de Carballo, pero tamén se ofreceron outros puntos de vista sobre a mellora da competitividade do sector. Miguel Lago, presidente dos comerciantes da zona monumental de Pontevedra, relacionouna co urbanismo nunha charla na que abordou a influenza que ten o actual modelo urbano da súa cidade no sector, en xeral moi beneficios. Para Mari Carmen Freire, que interveu en representación do Centro Comercial Aberto (CCA) de Carballo, ese é un aspecto importante, pero hai que ter en conta moitos outros. Tras explicar a orixe da asociación de comerciantes e o seu funcionamento actual, concluíu expoñendo que “o futuro será o que Carballo queira”.

Para que ese futuro sexa o mellor posible, dende a Concellería de Promoción Económica están a poñerse distintas ferramentas de apoio á actividade comercial: subvencións ás entidades, un amplo programa de formación e agora o selo de calidade. Con todas as achegas recibidas elaborarase un manual de boas prácticas que fixará a liña de separación entre os establecementos que se suman ao movemento Carballo Compromiso Calidade e os que non. Para os que si haberá unha consultoría individualizada xa a partir do vindeiro mes e dúas sesións de formación grupais.

Compartir: