Inicio Carballo ao día Hemeroteca A Valedora do Pobo destaca o escaso número...

A Valedora do Pobo destaca o escaso número de queixas que recibe da veciñanza carballesa

Milagros Otero participou nunha reunión na Casa do Concello e nun encontro aberto coa cidadanía

Xoves 26 de xaneiro do 2017 Carballo ao día

A Valedora do Pobo, Milagros Otero Parga, pasou a maior parte do día en Carballo. A mediodía foi recibida polo alcalde, Evencio Ferrero, con quen comentou o escaso número de queixas que recibe dos nosos veciños e veciñas. “Neste momento só hai unha aberta, relacionada con un tema de ruídos, que, por outra banda, é un problema xeral de Galicia xunto co urbanismo e o medio ambiente”, manifestou.

No encontro, que se desenvolveu nun tono moi cordial, a Valedora do Pobo estivo acompañada polo secretario xeral da institución, Fernando de Andrés, de raíces carballesas, e pola responsable de comunicación e transparencia, Isabel Alvite. Por parte do Concello de Carballo tamén se sumou ao encontro a técnica responsable das relacións coa Valedora do Pobo, Susana Mariño, xa que un dos obxectivos destas visitas que Milagros Otero está a realizar por toda Galicia “para ter unha visión o máis ampla posible” da realidade do territorio, e nese sentido o contacto directo é unha ferramenta fundamental para evitar moitas veces a lentitude burocrática.

Pasadas as 12.30 incorporáronse á xuntanza varios membros do goberno municipal, cos que continuou a conversa en todo distendido antes da comparecencia de Milagros Otero ante os medios de comunicación locais. A Valedora destacou que máis do 90 % das recomendacións que fai “son aceptadas” e acatadas, un dato que cualificou como moi importante. Así mesmo, aludiu á política de contacto directo coa cidadanía iniciada dende o seu acceso ao cargo, xa que permite dar a coñecer a institución e recoller queixas. Con esa intención, Milagros Otero participou pola tarde nun encontro coa cidadanía no Fórum Carballo.

O alcalde, pola súa banda, agradeceu a visita, ofreceuse a “tender pontes” e a seguir velando pola “necesaria lealdade institucional” como unha das máximas do seu goberno. “Esta visita contribuirá a axilizar os expedientes, porque o que pide a cidadanía é, precisamente, que se defendan as súas queixas con prontitude”, manifestou Evencio Ferrero.

A Valedora do Pobo agasallou ao alcalde de Carballo cun gravado, e este correspondeulle co carballo de Sargadelos. Milagros Otero asinou, así mesmo, no Libro de Honra.

Compartir: