Inicio Carballo ao día Hemeroteca Orange investirá 1,8 millóns de...

TECNOLOXÍA

Orange investirá 1,8 millóns de euros para facer chegar a fibra óptica a todos os fogares de Carballo

A operadora inicia o despregamento dunha rede de fibra óptica para que os máis de 11.400 negocios e vivendas da poboación poidan acceder á última xeración de comunicacións fixas

Venres 27 de xaneiro do 2017 Carballo ao día

O alcalde de Carballo, Evencio Ferrero, recibiu aos xerentes de Relacións Institucionais e de Rede de Orange España en Galicia, Óscar Aragón e Juan Martínez Martos, co fin de coñecer os proxectos que emprendeu Orange para dotar ao municipio coruñés das mellores tecnoloxías de conectividade móbil e fixa a través do despregamento de redes 4G e fibra óptica ata o fogar (FTTH).

En concreto, Orange iniciou un plan valorado en 1,8 millóns de euros para o desenvolvemento dunha rede de fibra óptica que chegará ás máis de 11.400 unidades inmobiliarias que conforman o concello de Carballo. Isto supón que o 100% das vivendas principais e negocios desta localidade terá acceso á tecnoloxía de telecomunicacións fixas máis avanzada do mercado. A compañía prevé executar a maior parte deste proxecto durante o ano 2017.

A compañía investiu tamén 600.000 euros no lanzamento dos servizos móbiles 4G no noso concello

Este investimento de Orange en infraestruturas de fibra óptica súmase á que a compañía está a realizar para o lanzamento dos servizos móbiles 4G no municipio, ao que a compañía destinou xa 600.000 euros. Grazas a iso, máis do 80% dos carballeses pode tamén gozar da máxima velocidade en transferencia de datos móbiles.

Durante a reunión, o alcalde destacou os beneficios que proxectos como o de Orange supoñen para a cidadanía de Carballo, así como para o desenvolvemento económico dos empresarios da zona, que contarán agora con todos os beneficios dunhas redes de comunicacións coas tecnoloxía fixas e móbiles máis avanzadas do mercado.

Pola súa banda, os representantes de Orange agradeceron ao Concello o respaldo e as facilidades recibidas, así como a boa coordinación que se está mantendo cos técnicos do consistorio para levar a cabo con éxito os traballos de despregamento coas menores molestias para os veciños. Así mesmo, manifestaron a súa satisfacción pola implicación do Concello en informar os carballeses dos beneficios e facilidades que reportará a chegada das tecnoloxías 4G e fibra óptica á súa localidade no menor tempo posible.

Compartir: