Inicio Carballo ao día Hemeroteca A rúa Desiderio Varela ofrecerá...

A rúa Desiderio Varela ofrecerá unha nova imaxe para o San Xoán

Asinado o contrato da segunda fase das obras de reurbanización da vía

Venres 27 de xaneiro do 2017 Carballo ao día

A rúa Desiderio Varela esteará a súa nova imaxe antes do San Xoán. O alcalde, Evencio Ferrero, asinou hoxe o contrato de execución das obras de reurbanización coa empresa López Cao. O proxecto permitirá dar continuidade á primeira fase da reforma da vía, que afectou ao treito comprendido entre Camiño Novo e Colón. Neste punto comezará a segunda fase, que abrangue 145 metros, ata a intersección coa Gran Vía. 

A sinatura do contrato realizouse hoxe na Alcaldía

A sinatura do contrato realizouse hoxe na Alcaldía

As obras comezarán en febreiro. O principal problema da Desiderio Varela é o estado dos servizos soterrados, xa que, por exemplo, as canalizacións do abastecemento de auga son de fibrocemento e non hai rede separativa de pluviais nin de gas. Co proxecto elaborado na Oficina Técnica Municipal quedarán resoltas todas as carencias. No entronque coa Gran Vía está prevista a construción dun paso de peóns elevado e a instalación dos colectores de residuos sólidos urbanos soterrados. No resto da rúa basicamente daráselle continuidade á intervención que se levou a cabo na primeira fase, coa renovación de todos os servizos e un acabado final con plataforma única. 

Deste xeito, o proxecto prevé unha zona peonil de 2,50 metros de ancho con acabado de granito, unha zona de circulación de 3,8 metros de ancho de adoquín similar ao da rúa Colón e unha zona de protección de 2,85 metros de ancho máis próxima ao xardín, na que se alternarán adoquín e céspede. O investimento acada os 176.055 €, procedentes do PAI (Plan de Aforro e Investimento) da Deputación da Coruña.  

Compartir: