Inicio Carballo ao día Hemeroteca O prazo de inscrición na Escola de...

O prazo de inscrición na Escola de Hostalería estará aberto do 1 ao 10 de febreiro

Os/as aspirantes deberán superar tres probas: un exame tipo test, unha entrevista e un exercicio práctico

Sábado 28 de xaneiro do 2017 Carballo ao día

Do 1 ao 10 de febreiro estará aberto o prazo de inscrición na Escola de Hostalería de Carballo. As follas de solicitude estarán a disposición das persoas interesadas no 2º andar do edificio Fórum, onde tamén deben entregarse cumprimentadas e asinadas. Os únicos requisitos que se lles esixen aos e ás aspirantes é ter 18 anos cumpridos e posuír unha titulación mínima de graduado en ESO ou equivalente, ou ter 3 anos de vinculación laboral demostrable no sector da hostalería. De todos os xeitos, para facer a inscrición non será preciso presentar ningunha documentación complementaria, só o impreso cuberto.

Todas as comunicacións relativas ao proceso realizaranse a través do taboleiro sito no 2º andar do Fórum Carballo. Neste punto están a disposición dos/as interesados/as as bases completas. De xeito complementario, a información relativa ao proceso difundirase tamén na páxina web e redes sociais do Concello.

A partir do peche do prazo de inscrición publicarase a relación de persoas inscritas e comezará o proceso de selección, que constará de tres probas eliminatorias. Nas tres haberá que acadar unha puntuación mínima de 5, e a súa porcentaxe sobre a nota final será do 20, o 30 e o 50%, respectivamente.  Á proba final só accederán as 30 persoas con maior puntuación nos dous primeiros exames. En todo caso, o tribunal seleccionador velará, sempre que sexa posible e se cumpra cos criterios establecidos no proceso de selección, polo equilibrio de xénero no acceso.

A primeira proba será teórica e escrita, e terá como obxecto avaliar os coñecementos, aptitudes e habilidades dos/as aspirantes neste ámbito profesional. Os/as candidatos/as deberán responder a 40 preguntas tipo test, con catro respostas das que só unha será válida, nun tempo máximo de 60 minutos. Cada pregunta correcta terá un valor de 0.25, e será imprescindible acadar un 5 para pasar á segunda proba, que consistirá nunha entrevista curricular e por competencias que permitirá valorar a actitude, motivación e interese pola acción formativa dos/as aspirantes, a súa traxectoria laboral no sector e a súa idoneidade para o posto. Tamén se terá en conta a dispoñibilidade horaria e xeográfica. Nesta fase poderase aportar toda a documentación curricular que se considere precisa.

Os/as 30 candidatos/as con mellores notas pasarán á terceira proba, de carácter práctico, que ben poderá consistir na elaboración dun prato nas instalacións de hostalería do Fórum Carballo ou en empratar unha elaboración previamente cociñada. Os 15 mellores serán admitidos/as e o resto quedarán como suplentes.

A formación terá unha duración de 1.135 horas, 815 teórico-prácticas nas instalacións do Fórum Carballo e 320 de prácticas en empresas durante o verán. O obxectivo é formar a estas 15 persoas en cociña e servizos de restaurante baixo uns parámetros de calidade que se axusten ás necesidades reais do mercado de traballo, favorecendo así a inserción ou a mellor laboral dos/as participantes.

Compartir: