Inicio Carballo ao día Hemeroteca A rúa Ponte quedará cortada por...

A rúa Ponte quedará cortada por obras cara mediados da semana

O goberno municipal agradece a boa disposición dos propietarios do solar que será utilizado para abrir unha vía de saída provisional do aparcamento do Casino

Sábado 28 de xaneiro do 2017 Carballo ao día

O proxecto de reurbanización da rúa Ponte xa está en execución, aínda que polo momento os traballos non son moi visibles. O motivo é que a empresa que leva a cabo a obra, a carballesa Construcciones Ramón Vázquez y Reino, estivo traballando ata agora no interior da nave de Calvo, levantando un muro antes de proceder á demolición da parte cedida pola familia propietaria para poder construír unha glorieta nese punto. Calvo achega 129,41 metros cadrados ao espazo público, imprescindibles para mellorar a seguridade viaria nun dos cruces máis complicados da vila.

O aparcamento do Casino terá unha saída provisional polo solar da imaxe

O aparcamento do Casino terá unha saída provisional polo solar da imaxe

A partir de agora os traballos trasladaranse ao exterior, o que obrigará a cortar a rúa a mediados/finais desta semana. O concelleiro de Obras e Servizos, Luis Lamas, acompañado polo xefe da Policía Local, Roberto Mosquera, visitou hoxe os establecementos comerciais da zona para comunicarlles o peche da vía. Tamén está previsto colocar carteis informativos nos portais dos edificios de vivendas, e a Policía Local reforzará a súa presenza na zona para ofrecer información á cidadanía.

O peche da rúa non afecta a peóns, residentes nin usuarios/as de garaxes. Se nalgún momento ao longo da execución da obra resulta preciso realizar un peche puntual comunicarase con antelación ás persoas afectadas. Debido á situación estratéxica da vía, moi utilizada polos vehículos que se dirixen á costa bergantiñá, o Concello de Carballo colocará sinais en distintos puntos para indicar os itinerarios alternativos. Ademais, durante a execución da obra, os usuarios/as de garaxes na rúa Cinceiro poderán acceder á mesma dende a rúa da Saúde

Outra das consecuencias importantes das obras será o peche da rúa de saída do estacionamento do Casino, pero tamén este problema está solucionado grazas á cesión provisional dun solar que permitirá habilitar unha nova saída do aparcamento cara a rúa Estrela. O concelleiro Luis Lamas agradeceu hoxe a boa disposición dos propietarios a colaborar. Para habilitar a saída será preciso cortar os muros que delimitan a parcela e acondicionar a vía provisional con zahorra.

Compartir: