Inicio Carballo ao día Hemeroteca A rúa Martín Herrera manterá...

PLENO ORDINARIO

A rúa Martín Herrera manterá a dirección única e será unha vía de prioridade peonil coa velocidade limitada a 20km/h

A sesión comezou cun minuto de silencio en memoria da última vítima da violencia de xénero

Martes 31 de xaneiro do 2017 Carballo ao día

O rúa Martín Herrera manterá a dirección única. O acordo foi adoptado pola corporación municipal cos votos a favor do grupo de goberno do BNG, que defende un modelo urbano baseado nas plataformas únicas e nos sentidos únicos para garantir o máximo posible a seguridade das persoas.

A decisión conta co aval do xefe da Policía Local, que emitiu un informe no que cita varios aspectos para defender o mantemento da dirección única. Así, no informe apúntase que as obras realizadas nos últimos anos no centro urbano tenden a reducir a velocidade de circulación dos vehículos, evitan a concentración de coches no centro e ademais deron un “resultado moi positivo” en canto a dinamización empresarial.

No caso concreto da rúa Martín Herrera, o xefe da Policía sinala que debe terse en conta a gran cantidade de actos que se celebran na igrexa e que xeran un gran tránsito peonil, ademais de tratarse dunha zona moi frecuentada, sobre todo os días de feira. “Por razóns de seguridade, para reducir a velocidade e a intensidade da circulación”, recomenda manter a dirección única e a prohibición de estacionar, ademais de propoñer a colocación do sinal S28, que outorga prioridade aos peóns á hora de usar a vía e prohibe aos vehículos circular a máis de 20km/h.

No pleno ordinario do luns, que comezou cun minuto de silencio en memoria da última vítima da violencia de xénero, a corporación aprobou o recoñecemento de obrigas pendentes do ano pasado, o máis baixo da historia, e a adhesión formal do Concello de Carballo á CMAT. A solicitude de comparecencia das edís de Persoal, Belén Lendoiro, e Mobilidade, Milagros Lantes, presentada polo conxunto da oposición, foi rexeitada. As preguntas que formulaban no seu escrito foron contestadas, no entanto, ao remate da sesión na quenda de rogos e preguntas.

Compartir: