Inicio Carballo ao día Hemeroteca Máis de 50 persoas amosaron interese pola...

PRAZO ABERTO ATA O DÍA 10

Máis de 50 persoas amosaron interese pola Escola de Hostalería no primeiro día do prazo de inscrición

O servizo de Emprego do Concello de Carballo recolleu máis de vinte solicitudes

Mércores 1 de febreiro do 2017 Carballo ao día

Máis de cincuenta persoas pasaron ao longo da mañá polas oficinas municipais do Fórum Carballo para solicitar información, pedir a folla de inscrición ou entregar xa a súa solicitude para a Escola de Hostalería. Máis de vinte persoas formalizaron xa este primeiro trámite. O prazo segue aberto ata o día 10, e os impresos de inscrición poden retirarse no 2º andar do Fórum ou descargarse na web do Concello de Carballo, pero en todo caso deben ser entregados no edificio da Milagrosa. Os únicos requisitos que se lles esixen aos e ás aspirantes é ter 18 anos cumpridos e posuír unha titulación mínima de graduado en ESO ou equivalente, ou ter 3 anos de vinculación laboral demostrable no sector da hostalería.

Todas as comunicacións relativas ao proceso realizaranse a través do taboleiro sito no 2º andar do Fórum Carballo. Neste punto están a disposición dos/as interesados/as as bases completas.

A partir do peche do prazo de inscrición publicarase a relación de persoas inscritas e comezará o proceso de selección, que constará de tres probas eliminatorias: unha escrita, unha entrevista e unha práctica, e nas tres haberá que acadar unha puntuación mínima de 5, e a súa porcentaxe sobre a nota final será do 20, o 30 e o 50%, respectivamente.  Á proba final só accederán as 30 persoas con maior puntuación nos dous primeiros exames. En todo caso, o tribunal seleccionador velará, sempre que sexa posible e se cumpra cos criterios establecidos no proceso de selección, polo equilibrio de xénero no acceso.

Descargas

Compartir: