Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Bus do Cocido inaugurou en Carballo a ruta de...

O Bus do Cocido inaugurou en Carballo a ruta de promoción da Feira do Cocido de Lalín

O mal tempo, que reduciu o mercado á mínima expresión, tamén privou a moitos veciños e veciñas de probar unhas exquisitas croquetas cremosas de cocido

Xoves 2 de febreiro do 2017 Carballo ao día

Carballo foi o punto de partida da ruta de promoción da Feira do Cocido de Lalín, unha campaña que por segundo ano consecutivo realízase a bordo dun autobús de estilo inglés, cunha cociña no primeiro andar e un comedor no segundo. “Empezamos esta experiencia o ano pasado con moito éxito”, asegurou o alcalde de Lalín, Rafa Cuíña, que se desprazou ata Carballo xunto con Nicolás González, tenente de alcalde, e outros membros do seu gabinete. 

O alcalde de Lalín foi recibido polo seu homólogo carballés, Evencio Ferrero, na Alcaldía, nun acto no que non faltou un intercambio de agasallos a cada cal máis representativo do respectivo concello. Do noso, Rafa Cuíña leva o precioso carballo de Sargadelos e un exemplar do libro “Derrubando muros con pintura”, e a cambio deixou un cofre de madeira con algunhas das delicias gastronómicas lalinesas, incluído un orixinal iogur de cocido.

Do mesmo xeito que o alcalde de Carballo agradeceu a visita, o de Lalín agradeceu a acollida. “Síntome identificado co alcalde e o seu tipo de xestión, incluso co seu concepto de país”, asegurou Rafa Cuíña, que fixo un convite expreso aos veciños e veciñas de Carballo para que asistan o vindeiro día 19 á famosa Feira do Cocido, Festa de Interese Turístico Nacional.

Despois do acto oficial, representantes dos dous concellos trasladáronse ata o autobús estacionado diante da casa consistorial, onde foron os primeiros en probar unhas exquisitas croquetas cremosas de cocido, co seu lacón, os seus grelos, o seu chourizo, bechamel e pan frito. Pouco a pouco foi achegándose máis público ata o vehículo, pero o mal tempo, que reduciu o mercado semanal á mínima expresión, tamén privou a moitos veciños e veciñas de degustar as delicias lalinesas. Ao longo da tarde, porque o Bus do Cocido estará en Carballo, en principio, ata as 19 horas, teredes unha segunda oportunidade.

Compartir: