Inicio Carballo ao día Hemeroteca A Unidade de Desenvolvemento Infantil e Apoio...

A Unidade de Desenvolvemento Infantil e Apoio Familiar de Bergantiños atendeu o ano pasado a 119 familias

O equipo da UDIAF presta, totalmente de balde, asesoramento e información ás familias e apoio ao desenvolvemento de nenos/as de 0 a 6 anos

Venres 3 de febreiro do 2017 Carballo ao día

A Unidade de Desenvolvemento Infantil e Apoio Familiar de Bergantiños (UDIAF-Bergantiños) atendeu ao longo do ano 2016 a 119 familias nas instalacións cedidas polo Concello de Carballo no ambulatorio vello. Neste lugar reuníronse Jaime Ponte, vicepresidente da Asociación Galega de Atención Temperá (AGAT), xunto ao equipo da UDIAF, para examinar os resultados da actividade asistencial do pasado ano 2016 e estudar un plan de actividades para o ano vixente.

O equipo presta asesoramento e información ás familias e apoio ao desenvolvemento do nenos de 0 a 6 anos dentro do marco normativo establecido polo Decreto 183/2013 polo que se crea a REDE GALEGA de ATENCIÓN TEMPERÁ. Para o equipo da UDIAF, unha parte moi importante do traballo é a colaboración e o traballo en rede cos profesionais e os recursos doutros servizos que forman parte do proceso vital dos pequenos e as súas familias

En total, no ano 2016 atendéronse 119 familias, realizáronse case 2000 prestacións de apoio personalizado e máis de 200 actuacións de coordinación con outros profesionais e recursos. Este recurso aborda problemas e dificultades no desenvolvemento infantil que abranguen unha diversa tipoloxía: problemas evolutivos, afectivo-emocionais, de conduta, da comunicación e a linguaxe, motrices ou cognitivos.

O ámbito de actuación da UDIAF abrangue os municipios de Laxe, Cabana de Bergantiños, Ponteceso, Malpica de Bergantiños, Coristanco, Laracha e Carballo; durante o 2016  procedían deste último a maior parte das familias atendidas.

Na actualidade a unidade está conformada por un equipo interdisciplinario coa participación dunha psicóloga, unha psicomotricista, unha logopeda e unha administrativo. A UDIAF BERGANTIÑOS forma parte, xunto coas UDIAF do Deza e do Salnés, dun proxecto dirixido pola AGAT e subvencionado integramente pola Consellería de Política Social. Trátase dun servizo público e totalmente gratuíto para as familias da comarca de Bergantiños. A análise das enquisas de satisfacción cubertas polas familias aportan un resultado positivo destacando a acollida e a capacidade de escoita dos profesionais.

O contacto pode realizarse na propia sede da unidade, a través do correo electrónico bergantinos@atenciontemprana.com ou ben chamando ao telefono 881.946.410. Para máis información tamén poden consultar a paxina web das UDIAFS www.udiaf.com, accedendo á sección da UDIAF Bergantiños www.bergantinos.udiaf.com

Compartir: