Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Concello de Carballo formará a 15...

O prazo de inscrición estará aberto do 6 ao 15 de febreiro

O Concello de Carballo formará a 15 traballadores para dar resposta ás demandas actuais do sector industrial do metal

Os/as aspirantes precisan ter unha formación xeral previa e/ou experiencia no sector

Sábado 4 de febreiro do 2017 Carballo ao día

O Concello de Carballo volve a apostar pola formación orientada cara o emprego co obxectivo de cubrir os baleiros existentes na oferta formativa regrada e de preparar a profesionais que realmente saiban dar resposta ás demandas actuais do mercado laboral, neste caso da industria do metal. Xunto ao forte reto que supón a posta en marcha da primeira Escola de Hostalería municipal de Galicia, a Concellería de Promoción Económica proponse agora formar a 15 traballadores en soldadura con chapa fina, tubaxes redondos e cadrados con TIG e MIG/MAG para que poidan realizar o proceso completo de creación dun deseño industrial, incluídos o pulido, o satinado e a montaxe final.

Por iso unha das características que deben cumprir os/as aspirantes é ter formación e/ou experiencia profesional previa. En concreto, deberán ter dous anos de experiencia demostrable no sector metalúrxico como soldadores/as TIG ou en MIG/MAG, ou ben titulación académica de grao medio ou superior vinculada á fabricación mecánica, ou ben un certificado de profesionalidade de nivel 2/3 da familia profesional de fabricación mecánica. Así mesmo, esíxese que os/as aspirantes teñan 18 anos cumpridos no momento de presentar a súa solicitude.

O prazo de inscrición estará aberto do 6 ao 15 de febreiro

O prazo estará aberto do 6 ao 15 de febreiro, en horario de 9.00h a 13.00, de luns a venres. Os impresos de solicitude estarán á disposición dos/as candidatos/as no 2º andar do edificio Fórum, e entregaranse neste departamento unha vez cubertas e asinadas polo/a candidato/a. Coa solicitude non se entregará ningunha documentación complementaria. O proceso de selección dos/as candidatos/as constará de dous exercicios eliminatorios: unha proba escrita de contidos teóricos e test psicotécnico, que suporá o 70% da nota, e unha entrevista curricular que representará o 30% da nota final.

A formación terá unha duración total de 616 horas, 100 delas de prácticas non laborais en empresas, e as restantes divididas entre a formación en prevención de riscos laborais (66 horas) e a formación vinculada á fabricación mecánica (450 horas). O curso desenvolverase dende o 27 de febrero ata o 5 de xullo, con sesións de luns a venres de 08.00 a 15.00 horas, na nave de metal do Fórum Carballo.

O obxectivo é ofrecer unha formación de calidade que se axuste ás necesidades reais do mercado de traballo. O sector do metal é un dos principais usuarios da Bolsa de Traballo (BDT) do Concello de Carballo, con máis de 100 postos ofertados ao cabo do ano que moitas veces non se cobren por falta de perfís axeitados, precisamente debido a un déficit de formación. Con esta acción, dende a Concellería de Promoción Económica preténdese favorecer a inserción ou a mellora laboral dos/as participantes.

Compartir: