Inicio Carballo ao día Hemeroteca Carballo foi o sexto concello galego que...

Carballo foi o sexto concello galego que máis obra pública licitou o ano pasado, por riba de cidades coma Lugo ou Ferrol

Segundo os datos recompilados por APECCO no seu informe correspondente á actividade das Administracións públicas no 2016

Luns 6 de febreiro do 2017 Carballo ao día

O Concello de Carballo licitou o ano pasado obra pública por importe de 4.214.879,16 euros, converténdose deste xeito nun dos motores do sector da construción en Galicia. Segundo os datos que vén de facer públicos a Asociación Provincial de Empresarios da Construción da Coruña (APECCO) no seu informe anual, Carballo foi o sexto concello galego que máis obra licitou no 2016, por detrás da Coruña, Vigo, Santiago, Oleiros e Pontevedra, pero por riba de cidades coma Lugo, Ourense ou Ferrol. Ademais, hai que ter en conta que os datos da Coruña, por exemplo, inclúen contratos de servizos, que son maioritarios, e que no caso de Carballo non se inclúen, co cal a diferenza real é moito menor.

O nivel investidor de Carballo non só supera ao da maioría dos concellos galegos, senón mesmo ao de consellerías coma a de Medio Ambiente e Ordenación do Territorio, que o ano pasado en toda a provincia da Coruña licitou obra por pouco máis de tres millóns de euros, ou a de Medio Rural, que non chegou aos dous millóns de euros.

No ano 2016, A Coruña foi a provincia galega na que máis se incrementaron as licitacións por parte de todas as Administracións Públicas con respecto ao ano anterior. Carballo contribúe dun xeito decisivo ao aumento correspondente aos concellos, posto que pasou de 2.340.854,49 a 4.214.879,16 euros, o que supón un 80,06% de suba. A boa saúde económica do Concello, cun importante remanente de tesourería que permitiu afrontar novos investimentos ao longo do ano, e os novos plans provinciais contribuíron á mellora da capacidade investidora, e polo tanto licitadora, do noso concello.

Compartir: