Inicio Carballo ao día Hemeroteca As principais empresas do sector do metal da...

As principais empresas do sector do metal da provincia avalan a formación programada polo Concello de Carballo

Incluso promoven medidas de conciliación para que os seus traballadores poidan acudir ao curso de especialización que se celebrará no Fórum

Martes 7 de febreiro do 2017 Carballo ao día

O curso de metal organizado pola Concellería de Promoción Económica dentro da oferta formativa propia do Fórum Carballo conta co aval das principais empresas do sector: Grupo Caamaño, Grupo Alumán, Formas Inoxman e Mantiñán Lestayo. Consideran que a formación que se vai impartir responde ás necesidades do sector, e nese sentido amosan o seu apoio.

As catro empresas figuran entre os usuarios da Bolsa de Traballo (BDT) do Concello de Carballo, á que recorren con frecuencia para captar profesionais cualificados para desenvolver actividades de fabricación e montaxe de estruturas, carpintería e caldeirería, revestimentos e infraestrutura, chapa fina para fabricación de mobles de almacenaxe e exposición, rotulación, cartelería e adhesivos, entre outros. E, precisamente, ese tipo de traballos forman parte do programa formativo do curso que se vai impartir en Carballo, co obxectivo de facilitar a inserción ou tamén a mellora laboral dos participantes. De feito, algunha das empresas colaboradoras establecerá medidas de conciliación para que os seus traballadores poidan especializarse na acción formativa de Carballo.

As empresas

O Grupo Caamaño é un holding empresarial especializado na montaxe integral de centros e locais comerciais situado no municipio de Culleredo, que conta con máis de 500 traballadores e que mantén unha relación comercial sólida co grupo Inditex. A plantilla desta empresa creceu nos últimos 3 anos en 150 traballadores, xerando emprego a  máis de 200 profesionais indirectos do sector do metal. Dende xullo de 2014 ata outubro de 2016 Grupo Caamaño recorre á Bolsa de Traballo en 11 ocasións solicitando persoal cualificado para traballar nalgunha das súas empresas. O número de postos demandados ascende a 32.

Grupo Aluman (Arteixo) é un conxunto de empresas de carácter industrial e de referencia internacional recoñecido polas solucións tecnolóxicas de edificios e instalacións singulares, con capacidade industral e de operacións que os converte en socios estratéxicos dos líderes globais de retail e de constract. Aluman conta cun equipo técnico formado por persoal especializado e colexiado, así como traballadores de grao medio como montadores e soldadores (60 plantilla e 90 temporais). O crecemento experimentado nos últimos anos provoca un considerable aumento no número de traballadores directos e outros indirectos contratados a través de subcontratacións, actuando baixo os mesmos parámetros de calidade, seguridade e saúde ambiental e incluso social que o resto de persoal. Nos últimos anos o crecemento do Grupo Aluman ronda o 35% por ano. Ademais de ser unha empresa líder no sector polo seu traballo a nivel nacional e internacional, tamén é un referente empresarial pola xestión dos seus recursos humanos.

Formas Inoxam, SL nace no ano 2000  e forma parte da industria siderometalúrxica cunha actividade enfocada ao deseño e fabricación de todo tipo de produtos metálicos,  e xunto con Mantiñán Lestayo (outra empresa do mesmo grupo) supoñen un referente indiscutible no sector dentro da provincia da Coruña. Os traballos que realizan son tanto par as empresas adicadas ao sector da construción e carpinterías así como o mobiliario metálico en xeral. A súa sede está en Carral, onde dispón de seis centros de traballo: Instalacións de pulido e chapa, almacén e curvado de tubo, instalacións de corte de tubo por láser, instalacións para montaxe de mobiliario, instalacións de corte de chapa por láser e instalacións de pulido de tubo e planta de lacado en polvo. De forma frecuente recorre tamén á BDT do Concello de Carballo.

Compartir: