Inicio Carballo ao día Hemeroteca A Reserva da Biosfera Mariñas...

A Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas propón a adhesión de Carballo por tratarse dun territorio “cunhas condicións naturais extraordinarias”

Representantes da xunta directiva participaron nunha xuntanza de traballo co goberno carballés e técnicos municipais

Martes 7 de febreiro do 2017 Carballo ao día

A xunta directiva da Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e Terras do Mandeo quere que Carballo siga os pasos de Cerceda e A Laracha, que proximamente formalizarán a súa adhesión, e que se sume tamén aos 17 concellos que xa forman parte do territorio recoñecido pola Unesco dentro do Programa MAB. Para explicar os detalles desprazáronse hoxe ata Carballo o presidente e alcalde de Abegondo, José Antonio Santiso Miramontes; o vicepresidente e alcalde de Paderne, César Longo; o xerente, Jorge Blanco; o director do CEIDA, Carlos Vales, e o membro do consello científico do Programa MAB español, Pablo Ramil, que mantiveron unha xuntanza de traballo co alcalde, Evencio Ferrero; os concelleiros Milagros Lantes e Luis Lamas, e o xefe do departamento de urbanismo, Alfredo Garrote.

A xuntanza de traballo celebrouse na Casa do Concello de Carballo

A xuntanza de traballo celebrouse na Casa do Concello de Carballo

Santiso Miramontes fixo unha introdución sobre a orixe a Reserva da Biosfera Mariñas Coruñesas e do papel que podería cumprir Carballo, xa que a inclusión da zona de Baldaio sería “moi importante” para a reserva. Esa importancia radica, entre outros aspectos, en que este tipo de figuras non establecen novas formas de protección, senón que se respectan os usos existentes e divídese o territorio en función deles, e as zonas núcleo, que son as que concentran os valores medioambientais máis altos, representan agora menos do 10% do territorio. De aí –explicou Carlos Vales- a importancia da inclusión de Carballo, que ten “unhas condicións naturais extraordinarias”, tal como consta na proposta.

O goberno municipal de Carballo estudará a proposta cos servizos técnicos municipais

O xerente da reserva, pola súa banda, explicou algunhas das liñas de traballo abertas nestes momentos, fundamentalmente centradas na revitalización do sector agroalimentario mediante a recuperación de produtos que poden ser comercializados coa marca de Reserva da Biosfera, o cal suporía un destacado valor engadido, e tamén a través da creación de oportunidades laborais para a xente nova. “O agro galego necesita unha reestruturación”, e esta pode ser unha ferramenta para levala a cabo, engadiu Santiso Miramontes. O alcalde de Paderne explicou, neste sentido, o exemplo do seu concello, no que se está a recuperar o cultivo da uva para a produción de viño.

Pola súa banda, o representante do Programa MAB destacou que unha reserva da biosfera é “un modelo de aproveitamento do territorio que se adapta ás singularidades de cada territorio” e que se basea na participación da xente que o habita. Destacou ademais que a marca está presente en todo o mundo, e que “funciona” a nivel internacional.

O alcalde de Carballo expresou o seu agradecemento pola visita e polo convite a participar, unha decisión que queda pendente da valoración que realicen os servizos técnicos municipais e o propio goberno.

Compartir: