Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Concello de Carballo reordenará o...

O Concello de Carballo reordenará o tráfico na contorna da Praza do Concello durante as obras de reurbanización de Desiderio Varela

Na primeira fase das obras, que empezarán o luns 13, verase afectada a circulación rodada nas rúas Colón e Jacinto Amigo Lera

Xoves 9 de febreiro do 2017 Carballo ao día

O vindeiro luns 13 quedará cortada á circulación rodada a rúa Desiderio Varela no treito que vai ser obxecto do proxecto de reurbanización elaborado pola Oficina Técnica Municipal. Durante a execución das obras o Concello de Carballo reordenará o tráfico na contorna da Praza do Concello para facilitar o acceso a residentes e usuarios/as de garaxes, garantir a seguridade e intentar que os traballos causen as mínimas molestias posibles.

Segundo o plan de tráfico deseñado pola Policía Local, no comezo da rúa Desiderio Varela dende Camiño Novo (punto 1 do plano adxunto) colocarase un panel informativo indicando que a rúa está pechada por obras e que só se permite o acceso a residentes e usuarios/as de garaxes. No outro extremo da rúa, na esquina con Gran Vía (punto2), retirarase o sinal de prohibido o paso e será substituído por outro panel informativo no que se indicará que a rúa está pechada por obras pero que se permite o paso a residentes, usuarios/as de garaxes e dos aparcamentos da rúa Jacinto Amigo Lera.

As obras tamén afectarán ao tráfico na rúa Colón, na que os días de feira cambiarase o sentido do tráfico para darlle saída cara a rúa Cervantes aos coches procedentes de Desiderio Varela (punto 3). Os turismos procedentes de Valle-Inclán non poderán acceder á rúa Colón e terán que desviarse por Cervantes obrigatoriamente.

O proxecto

As obras de reurbanización da rúa Desiderio Varela, que forman parte do concepto de mobilidade promovido dende o goberno municipal, serán executadas pola empresa Construcciones López Cao cun orzamento de 176.055 euros procedentes do PAI (Plan de Aforro e Investimento) da Deputación da Coruña.

O proxecto permitirá solucionar as numerosas deficiencias dos servizos soterrados, que son moi antigos e están incompletos. A actuación afectará aos 145 metros de vía e ao entronque coa Gran Vía, onde está prevista a construción dun paso de peóns elevado e a instalación dos colectores de residuos sólidos urbanos soterrados. No resto da rúa basicamente daráselle continuidade á intervención que se levou a cabo na primeira fase, coa renovación de todos os servizos e un acabado final con plataforma única.

Deste xeito, o proxecto prevé unha zona peonil de 2,50 metros de ancho con acabado de granito, unha zona de circulación de 3,8 metros de ancho de adoquín similar ao da rúa Colón e unha zona de protección de 2,85 metros de ancho máis próxima ao xardín, na que se alternarán adoquín e céspede.

Descargas

Compartir: