Inicio Carballo ao día Hemeroteca Representantes do goberno local de Cedeira...

Representantes do goberno local de Cedeira visitan Carballo para coñecer o funcionamento dos servizos municipais

A iluminación con led, a prestación de servizos por parte de centros especiais de emprego e os convenios dos aparcamentos centraron o interese dos cedeiráns

Venres 10 de febreiro do 2017 Carballo ao día

Case un mes despois da visita do goberno municipal de Ponteareas, Carballo recibiu a unha delegación do Concello de Cedeira integrada polo alcalde, o socialista Pablo Moreda, e os concelleiros María Xosé Rodríguez, do BNG, e Camilo Casal, de Anova.

A xuntanza celebrouse na Alcaldía

A xuntanza celebrouse na Alcaldía

O tripartito cedeirán acudiu ao noso concello para interesarse, fundamentalmente, polo funcionamento do contrato de subministro e servizo de alumeado público, que é unha referencia en toda Galicia porque Carballo foi o primeiro concello en implantar a tecnoloxía led en toda a rede de iluminación. O alcalde, Evencio Ferrero; o concelleiro de Obras e Servizos, Luis Lamas, e a concelleira de Contratación, Milagros Lantes, explicaron o proceso desenvolvido en Carballo e as repercusións que tivo o cambio do alumeado, entre elas un aforro dun 80% no consumo eléctrico, un aspecto especialmente importante dado do continuo incremento do prezo da luz. O goberno local de Cedeira amosou moito interese pola implantación dun sistema similar no seu municipio.

Tamén quixeron coñecer a experiencia do Concello de Carballo coa prestación de servizos por centros especiais de emprego, como é o caso de Aspaber UTE na limpeza viaria e de edificios, e nese sentido o goberno carballés reiterou a súa satisfacción co traballo que se está a desenvolver, que ademais contribúe á integración de persoas con discapacidade no mundo laboral e achega á sociedade o labor que desenvolve unha entidade coma, neste caso, Aspaber.

O executivo cedeirán tamén se interesou polo sistema de xestión de solares privados para utilizalos como aparcamentos provisionais. Pablo Moreda e os seus compañeiros de goberno expresaron a súa grata sorpresa polo sistema de comodato establecido polo Concello de Carballo para o uso dos terreos, e solicitaron máis información ao respecto para estudar a posibilidade de aplicalo tamén en Cedeira.  

Compartir: