Inicio Carballo ao día Hemeroteca 65 persoas optan ás 15 prazas...

65 persoas optan ás 15 prazas dispoñibles no primeiro curso da Escola de Hostalería do Fórum Carballo

Segue aberto ata o mércores 15 o prazo de inscrición para o curso de metal, no que xa hai 24 candidatos

Venres 10 de febreiro do 2017 Carballo ao día

Un total de 65 persoas (37 mulleres e 28 homes) optan a formar parte da primeira promoción da Escola de Hostalería do Fórum Carballo, o primeiro centro municipal de Galicia, que botará a andar nas vindeiras semanas. O prazo de inscrición rematou hoxe con moi boa acollida da iniciativa, como demostra o elevado número de solicitudes. O vindeiro luns 13 farase pública a lista de admitidos/as e excluídos/as, que poderá consultarse no taboleiro situado nas oficinas municipais do 2º andar do Fórum e tamén nesta páxina web. Os únicos requisitos son ter 18 anos cumpridos e posuír unha titulación mínima de graduado en ESO ou equivalente, ou ter 3 anos de vinculación laboral demostrable no sector da hostalería.

A partir dese momento comezará o proceso de selección dos/as 15 alumnos/as que tomarán parte na acción formativa neste curso. Haberá tres probas eliminatorias, nas que será preciso acadar unha puntuación mínima de 5, e a súa porcentaxe sobre a nota final será do 20, o 30 e o 50%, respectivamente.  Á proba final só accederán as 30 persoas con maior puntuación nos dous primeiros exames. En todo caso, o tribunal seleccionador velará, sempre que sexa posible e se cumpra cos criterios establecidos no proceso de selección, polo equilibrio de xénero no acceso.

A primeira proba será teórica e escrita, e terá como obxecto avaliar os coñecementos, aptitudes e habilidades dos/as aspirantes neste ámbito profesional. Os/as candidatos/as deberán responder a 40 preguntas tipo test, con catro respostas das que só unha será válida, nun tempo máximo de 60 minutos. Cada pregunta correcta terá un valor de 0.25, e será imprescindible acadar un 5 para pasar á segunda proba, que consistirá nunha entrevista curricular e por competencias que permitirá valorar a actitude, motivación e interese pola acción formativa dos/as aspirantes, a súa traxectoria laboral no sector e a súa idoneidade para o posto. Tamén se terá en conta a dispoñibilidade horaria e xeográfica. Nesta fase poderase aportar toda a documentación curricular que se considere precisa.

Os/as 30 candidatos/as con mellores notas pasarán á terceira proba, de carácter práctico, que ben poderá consistir na elaboración dun prato nas instalacións de hostalería do Fórum Carballo ou en empratar unha elaboración previamente cociñada. Os 15 mellores serán admitidos/as e o resto quedarán como suplentes.

Curso do sector do metal

Polo que se refire ao curso de metal, organizado e financiado tamén de forma íntegra polo Concello de Carballo, a través da Concellaría de Promoción Económica, o prazo de inscrición segue aberto ata o mércores 15.

A día de hoxe hai 24 candidatos, todos homes. Neste caso trátase dunha acción formativa de especialización que conta co aval das principais empresas do sector na provincia da Coruña.

Compartir: