Inicio Carballo ao día Hemeroteca A veciñanza de Carballo depositou o ano...

A veciñanza de Carballo depositou o ano pasado 65 toneladas de téxtil usado nos contedores de Humana para darlles un fin social

O volume de achegas aumentou un 9% con respecto ao 2015

Martes 14 de febreiro do 2017 Carballo ao día

A Fundación Humana, que leva 30 anos promovendo a protección do medio ambiente a través da reutilización do téxtil e desenvolvendo programas de cooperación en África, América Latina e Asia, recolleu o ano pasado en Carballo un total de 64.948 quilos de téxtil usado, o que supón un incremento do 9,6% con respecto ao ano 2015.

A organización ten instalados no noso concello 14 contedores nos que podemos depositar roupa, calzado, complementos e téxtil de fogar que xa non usamos, e que deste xeito teñen unha segunda vida. O servizo é gratuíto, e representa un aforro importante na xestión dos residuos sólidos urbanos.

Darío Gómez: "O cidadán aposta por darlle unha segunda vida á súa roupa usada grazas, en boa parte, ao esforzo que concellos, empresas e entidades coma a nosa fan para dotala dun fin social"

No conxunto de Galicia, Humana recolleu o ano pasado 2.138 toneladas grazas a unha rede de 380 colectores. O responsable do servizo na nosa comunidade, Darío Gómez, considera que as causas do incremento son “unha maior conciencia medioambiental por parte da cidadanía, así coma un claro interese por promover un modelo de economía circular que prolongue a vida do téxtil. Ademais –engade-, o cidadán aposta por darlle unha segunda vida á súa roupa usada grazas, en boa parte, ao esforzo que concellos, empresas e entidades coma a nosa fan para dotala dun fin social”.

Humana foi unha entidade pioneira no Estado na recollida e xestión do téxtil usado, que se realiza hoxe en día en contedores metálicos que garanten altos niveis de usabilidade e seguridade. Grazas a este labor, dende Carballo tamén estamos a colaborar na protección do medio ambiente e na loita contra o cambio climático, xa que ademais de recuperar as prendas evítase o seu depósito en vertedoiros, contribuindo á redución da emisións de gases de efecto invernadoiro. As 65 toneladas recollidas no noso concello representan un aforro de 205 toneladas de CO2 á atmosfera, ou, o que é o mesmo, equivale a que 11.176 coches deixen de circular durante un día ou a que 3,3 millóns de árbores deixen de absorber elementos contaminantes tamén nun día. Sen dúbida, o planeta agradecerá o noso xesto.

Que fai Humana coa roupa?

As prendas que depositamos nos contedores de Humana teñen dous destinos: arredor do 60% trátase nas plantas de clasificación que ten a fundación en Madrid, Barcelona e Granada, e o resto véndese a empresas de reciclaxe.

Se queres saber máis sobre Humana, entra na ligazón.

Ligazóns

Compartir: