Inicio Carballo ao día Hemeroteca O acondicionamento dos aparcamentos e da zona...

O acondicionamento dos aparcamentos e da zona verde do polígono industrial completarase coa mellora da rede viaria

A xunta directiva da comunidade de propietarios e o goberno municipal valoraron hoxe os convenios coa Deputación que farán posible o investimento

Mércores 1 de marzo do 2017 Carballo ao día

O presidente e o secretario da comunidade de propietarios do parque empresarial de Bértoa, Antonio Gómez e Juan Fernández, respectivamente, realizaron hoxe xunto co alcalde, Evencio Ferrero, e o concelleiro de Promoción Económica e deputado provincial, Xosé Regueira, unha valoración dos proxectos que se van desenvolver no polígono grazas a un convenio de colaboración entre as administracións local e provincial.

Antonio Gómez, Juan Fernández, Xosé Regueira e Evencio Ferrero, no acto de hoxe

Antonio Gómez, Juan Fernández, Xosé Regueira e Evencio Ferrero, no acto de hoxe

A primeira actuación, cun investimento de 146.488 euros (a Deputación achega o 80% e o Concello de Carballo, o 20%), consistirá no acondicionamento da zona verde e dos aparcamentos, “dúas actuacións importantes que agardamos que sexan satisfactorias”, manifestou Xosé Regueira. Paralelamente, anunciou o concelleiro e deputado provincial, dende o Concello estase a traballar na creación dunha zona de aparcamento para vehículos pesados que agarda que poida materializarse ao mesmo tempo.

O secretario da comunidade de propietarios agradeceu a colaboración institucional para o desenvolvemento de “dúas actuacións importantes”, que dende a propia entidade empresarial estase a complementar, por unha banda, “traballando na segunda fase da zona verde” e, por outra, aplicando o modelo do Concello de Carballo de convenios cos propietarios para acondicionar zonas de aparcamento provisionais a cambio de bonificarlles a cota comunitaria. “De momento temos tres, un de 4.000 metros e dous de 1.000 metros, que arranxaremos en breve”, sinalou Juan Fernández.

A comunidade de propietarios do polígono tamén utilizará a fórmula do comodato para conseguir máis espazos de aparcamento

O problema do aparcamento agravouse nos últimos tempos, explica a comunidade, a raíz do traslado de dous talleres de confección ao polígono. “Son 240 coches, máis ou menos, e non hai onde aparcar, e está previsto xa o traslado doutro taller”, sinalou o secretario. Por iso tamén se acondicionará o treito de beiravía entre a zona verde e a capa de rodadura para crear máis de cen prazas para vehículos.

"Un polígono dinámico e moi vivo"

A existencia destes problemas demostra “que hai dinamismo. Percíbese que é un polígono moi vivo, e iso é moi bo”, manifestou o alcalde. Evencio Ferrero destacou que, ao igual que outros concellos, tamén no polígono se estea a aplicar a fórmula do comodato “que tan bos resultados está dando no casco urbano” á hora de conseguir novas zonas de aparcamento. E avanzou que dende o Concello de Carballo tamén se está a traballar no proxecto de mellora da capa de rodadura da rede viaria do polígono, coa intención de que, ao igual que o arranxo da zona verde e dos aparcamentos, poida executarse este mesmo ano. “Entre os dous proxectos realizaremos un investimento de máis de 300.000 euros”, subliñou.

O alcalde de Carballo fixo fincapé na fluída relación que existe entre o goberno municipal e a comunidade de propietarios, “o que redunda en que teñamos ese polígono vivo e dinámico e con cada vez máis demanda de solo empresarial”. E proba desa boa sintonía é que tamén se está a traballar nun convenio para que os empresarios poidan utilizar o edificio municipal do polígono coma sede social.

Compartir: