Inicio Carballo ao día Hemeroteca A Concellaría de Promoción...

A Concellaría de Promoción Económica ofrece formación personalizada ao comercio

O prazo para participar está aberto ata o 10 de marzo. Hai 15 prazas dispoñibles, que se asignarán por orde de inscrición

Xoves 2 de marzo do 2017 Carballo ao día

Ademais de impulsar a posta en marcha do selo Carballo Compromiso Calidade, a Concellaría de Promoción Económica de Carballo continúa á procura de novas ferramentas para que os nosos sectores económicos máis importantes gañen en competitividade. Nesa liña, ao longo dos meses de marzo e abril ofrecerase a 15 comerciantes a posibilidade de recibir formación personalizada, axustada ás necesidades específicas de cada negocio. Con esa intención, o docente realizará no propio punto de venta as sesións para tratar os distintos temas.

A actividade formativa inclúe un estudo da contorna, da competencia, os clientes, o negocio e o seu funcionamento. A partir de aí elaborarase unha estratexia global en función das necesidades do/da comerciante, definindo pautas a seguir e a súa posta en marcha. Tamén se realizará unha análise da evolución e dos resultados acadados, axustando as pautas aos obxectivos.

Con respecto ao establecemento dende o punto de vista da imaxe, o curso inclúe unha análise da colocación do produto e a súa axeitada implantación e rotación, definindo zonas frías e quentes. A montaxe de escaparate e a súa utilización como ferramenta de venta, e a planificación de diferentes campañas de escaparates e promoción anual tamén forman parte do contido. Outro bloque do curso abrangue o estudo das debilidades, fortalezas e oportunidades de mercado do negocio analizado, o perfil de clientes, estratexias de fidelización, diferenciación da competencia e atención ao cliente e estratexia de ventas.

O prazo para participar está aberto ata o venres 10, e a reserva das 15 prazas dispoñibles realizarase por orde de inscrición.

As persoas interesadas deben cubrir a súa inscrición no formulario adxunto.

Ligazóns

Compartir: