Inicio Carballo ao día Hemeroteca Desestimado o recurso da empresa...

Desestimado o recurso da empresa Espina&Delfín contra o acordo de adxudicación da xestión do ciclo integral da auga a Gestagua

O Concello de Carballo continuará co procedemento tan pronto como confirme que non hai ningún outro recurso presentado

Xoves 2 de marzo do 2017 Carballo ao día

Milagros Lantes, Evencio Ferrero e Luis Lamas, na comparecencia de hoxe

Milagros Lantes, Evencio Ferrero e Luis Lamas, na comparecencia de hoxe

O Tribunal Administrativo Central de Recursos Contractuais desestimou o recurso presentado pola empresa Espina&Delfín contra o acordo de adxudicación da xestión do ciclo integral da auga a Gestagua, adoptado polo Concello de Carballo o 26 de decembro pasado. Deste xeito, tan pronto como confirme que non hai ningún outro recurso presentado –polo momento non hai constancia-, o goberno municipal continuará co procedemento de contratación seguindo as directrices dos servizos xurídicos e técnicos municipais, tal como avanzaron esta mañá o alcalde, Evencio Ferrero; a concelleira de Contratación, Milagros Lantes, e o concelleiro de Obras e Servizos, Luis Lamas, que ofreceron unha comparecencia ante os medios de comunicación nada máis ter noticia da decisión do tribunal.

A resolución, que de momento só foi comunicada ao Concello de Carballo por vía electrónica, baséase na falta de “interese lexítimo” da empresa Espina&Delfín para interpoñer o recurso. “Para que pueda reconocerse interés legítimo –sinala o tribunal- sería necesario que la resolución recurrida, con carácter general, colocara a la parte recurrente en condiciones legales y naturales de conseguir un determinado beneficio material o jurídico, y que además la decisión que se adopte sobre esa resolución repercuta, directa o indirectamente, pero de un modo efectivo y acreditado, es decir, no meramente hipotético, potencial y futuro, en la correspondiente esfera jurídica del recurrente. Ninguno de estos requisitos se cumple en este caso”, conclúe.

Deste xeito, o Tribunal Administrativo Central de Recursos Contractuais acorda, en primeiro lugar, a inadmisión do recurso; en segundo lugar, levantar a suspensión do procedemento, e, por último, declara que non se aprecia mala fe ou temeridade na interposición do recurso, polo que non sanciona a Espina&Delfín. A empresa dispón agora de dous meses de prazo para presentar recurso contencioso-administrativo.

Compartir: