Inicio Carballo ao día Hemeroteca As “Xornadas Guerrilleiras” poñen en valor...

As “Xornadas Guerrilleiras” poñen en valor o punto de vista máis combativo do Día Internacional da Muller

As concellarías de Igualdade e Cultura presentaron hoxe un programa de actividades que se desenvolverá ao longo de todo o mes

Venres 3 de marzo do 2017 Carballo ao día

Este ano o Concello de Carballo quere resaltar o enfoque máis combativo e reivindicativo do Día Internacional da Muller, e con esa finalidade as concellarías de Igualdade e Cultura suman esforzos nas “Xornadas Guerrilleiras”, que se desenvolverán ao longo de todo o mes cun completo programa de actividades para todo tipo de públicos.

Marcos Trigo, Evencio Ferrero e Maica Ures, na presentación das Xornadas Guerrilleiras

Marcos Trigo, Evencio Ferrero e Maica Ures, na presentación das Xornadas Guerrilleiras

“Desta volta empregamos máis enerxía para achegarlle á comunidade educativa o contido desta data”, destacou a concelleira de Igualdade, Maica Ures, na presentación do programa, que tivo lugar hoxe pola mañá na Biblioteca Rego da Balsa coa participación, ademais, do alcalde, Evencio Ferrero, e do concelleiro de Cultura, Marcos Trigo. “Consideramos que o traballo pola igualdade entre homes e mulleres ten que chegarlle aos nenos e ás nenas, aos mozos e ás mozas, que son os homes e mulleres de mañá”, insistiu Maica Ures.

Con ese obxectivo, as Xornadas Guerrilleiras inclúen unha serie de propostas especialmente desenadas para estudantes. Na semana do 6 ao 10 de marzo desenvolverase o obradoiro “Sen Diferenzas”, que convida ao alumnado dos IES a reflexionar sobre a influenza dos mandatos de xénero na elección da formación e da profesión, no que trataremos de eliminar os estereotipos e os factores que inflúen nunha elección sesgada, propiciando unha toma de decisión máis libre, responsable, autónoma e axustada á realidade do mercado laboral.

O concurso "A historia das mulleres do Concello de Carballo" vai orientado a que os rapaces e as rapazas investiguen sobre a vida de personaxes femininas vinculadas dalgún xeito ao noso concello

Outra das intervencións de reflexión e formación propostas dende a área de Igualdade é o proxecto “Igualando Carballo”, destinado a alumnado de 4º de Primaria, que consta dunha serie de actividades en cada un dos colexios do concello. Paralelamente convocarase o primeiro concurso “A historia das mulleres do Concello de Carballo”, orientado a que os rapaces e as rapazas investiguen sobre a vida de personaxes femininas vinculadas dalgún xeito ao noso concello.

Na Biblioteca Rego da Balsa desenvolveranse boa parte das actividades programadas, entre ela a exposición “A muller a través da arte”, que estará aberta do 6 ao 31 de marzo, e dous obradoiros tamén artísticos: “Debuxando a igualdade”, para nenos e nenas, que se celebrará o día 7 ás 18 horas, e “Mural feminino”, unha proposta creativa para a semana do 13 ao 18 de marzo que servirá como base para a creación do “Recuncho da Igualdade”, unha sección nova da biblioteca con todo tipo de publicacións relacionadas co tema e que tamén responden ao espírito reivindicativo que trata de fomentar o Concello de Carballo, “porque é algo no que cremos e que obedece a unha situación que se debe mellorar”, apuntou Marcos Trigo.

"Faladoiro coas guerrilleiras"

Outra das citas potentes do mes de marzo será o “Faladoiro coas guerrilleiras”, que reunirá o día 8 ás 19.30 horas á concelleira Milagros Lantes, a poeta Rosalía Fernández Rial, a escritora Mercedes Queixas, a deportista Merce Barrientos, a psicóloga Belén Álvarez Sande, a crítica literaria Chus Nogueira e a cantautora MJ Pérez, autora do tema que dá nome ao faladoiro e ao programa. Será un acto aberto de debate e de intercambio de experiencias, na mesma liña do Encontro de Mulleres que se desenvolveu o ano pasado no marco do InFórum WorkIN Carballo.

“Ben está reflexionar e facer propostas arredor do Día da Muller, porque aínda seguimos escoitando barbaridades, mesmo nos parlamentos, xustificando, por exemplo, a diferenzas salariais entre homes e mulleres”, manifestou o alcalde. “Nós pensamos –engadiu- que hai que seguir traballando día a día pola igualdade de todo tipo, e Carballo, ademais dun concello solidario, ten que ser un concello no que a igualdade sexa un obxectivo permanente”.



Galería

Compartir: