Inicio Carballo ao día Hemeroteca Información da Federación...

Información da Federación Española de Municipios e Provincias sobre a reclamación das cláusulas solo e dos gastos de formalización das hipotecas

A FEMP recomenda aos afectados acudir a unha asociación de consumidores antes de adoptar ningunha medida

Luns 6 de marzo do 2017 Carballo ao día

A Federación Española de Municipios e Provincias (FEMP) vén de remitir a todos os concellos do Estado un documento informativo sobre o Real Decreto-Lei 1/2017, de 20 de xaneiro, de medidas urxentes de protección de consumidores en materia de cláusulas solo, así como da posibilidade de reclamación por parte das persoas usuarias dos gastos de formalización nos créditos hipotecarios. Tanto dende a FEMP como dende o Concello de Carballo recoméndase aos afectados que antes de adoptar ningunha medida acudan a unha asociación de consumidores, onde recibirán asesoramento sobre o procedemento e información sobre as cuestións particulares sen custe de ningún tipo.

Os aspectos máis destacados do Real Decreto-lei 1/2017 son os seguintes:

  1. Regula unha canle alternativa, de carácter voluntario para o consumidor, coa fin de axilizar o procedemento e non colapsar os tribunais, dado o elevado número de afectados.
  2. As entidades de crédito deben dispoñer dun servizo especializado e informar  informar aos seus clientes da súa a existencia para que presenten as reclamacións.
  3. Poden reclamarse todas as hipotecas que conteñan unha limitación de tipos de interese, tanto se están en vigor como se foron amortizadas, sempre que non pasasen máis de 15 anos.
  4. Cando reciba a reclamación, a entidade de crédito debe efectuar un cálculo da cantidade a devolver, incluíndo os intereses, e enviarllo ao cliente. O consumidor manifestará se está de acordo co cálculo e, en caso afirmativo, acordarase a devolución. No caso de que o banco considere que a devolución non é procedente terá que xustificar as causas, e darase por concluído o expediente extraxudicial.
  5. O prazo máximo para chegar a un acordo será de 3 meses. Durante a acción extraxudicial non será compatible exercer tamén a xudicial. En caso de sentenza, se é máis favorable ao consumidor con respecto ao cálculo da contía, as costas imporanse á entidade financeira.
  6. O procedemento é gratuíto e as cantidades devoltas están exentas de IRPF.

Con respecto ás consecuencia da sentenza do Tribunal Supremo sobre os gastos derivados da formalización da hipoteca, considéranse abusivos se se impuxeron todos ao consumidor. Tamén neste caso o cliente debe pedir a devolución desas cantidades ao banco e pode recorrer tamén á vía xudicial.

No documento adxunto achegamos os modelos de reclamación facilitados pola FEMP.

Ligazóns

Descargas

Compartir: