Inicio Carballo ao día Hemeroteca O Concello de Carballo aposta pola...

O Concello de Carballo aposta pola formación propia e de calidade ante a crecente demanda de profesionais para o sector do metal

15 alumnos participan no primeiro curso de especialización en soldadura que organiza directamente a Concellaría de Promoción Económica

Martes 7 de marzo do 2017 Carballo ao día

O Concello de Carballo aposta pola formación propia e de calidade para impulsar a empregabilidade, ou tamén a mellora das condicións laborais, dos traballadores dun sector con tan boas perspectivas de futuro coma o metal. De feito, montadores e soldadores ou oxicortadores figuran no Servizo Público de Emprego de Galicia como dúas das profesións cunha “ocupabilidade laboral moi alta”, e o volume de ofertas que recibe a Bolsa de Traballo (BDT) do Concello de Carballo, cun total de 40 postos no último ano, confírmao.

Hoxe iniciaron a súa formación os 15 alumnos que acadaron as mellores cualificacións no proceso selectivo realizado dende a Concellaría de Promoción Económica. Por diante teñen 616 horas de formación, 100 delas en prácticas en empresas, nas que se prepararán para afrontar o proceso completo de creación dun deseño industrial, incluídos o pulido, o satinado e a montaxe final, mellorando deste xeito as súas posibilidades de inserción laboral. “Este proxecto pretende ser coherente co momento actual e cos requirimentos específicos da realidade do noso mercado laboral no sector do metal”, explicou a tenente de alcalde Milagros Lantes na presentación oficial do curso, na que estivo acompañada polo concelleiro Marcos Trigo. Milagros Lantes expresou que, como consecuencia da minuciosa elaboración do programa formativo, os 15 alumnos teñan moito máis doada a súa incorporación ao mercado ou poidan mellorar o seu emprego. 

Segundo reflicte a Estratexia Española de Activación para o emprego (EEAE 2014-2016) a soldadura é unha das ocupacións que precisa máis formación. O Fórum Carballo dispón das instalacións óptimas para impartila, xa que conta cun dos mellores talleres, se non o mellor, de Galicia. Así mesmo, o metal é un sector con gran potencial de crecemento a curto prazo, pero cun concepto de traballo diferente que require da modernización, a innovación e a profesionalización dos soldadores.

Compartir: