Inicio Carballo ao día Hemeroteca A BDT do Concello de Carballo formou nos...

A BDT do Concello de Carballo formou nos últimos anos a 267 persoas para optar aos certificados de profesionalidade

A Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral da Xunta realiza unha nova convocatoria de probas de avaliación en competencias clave para maio

Xoves 9 de marzo do 2017 Carballo ao día

A Dirección Xeral de Orientación e Promoción Laboral convoca probas de avaliación en competencias clave para acceder aos certificados de profesionalidade de nivel 2 e 3  de cualificación (DOG núm. 46 do 7 de marzo  de 2017), un requisito imprescindible para as persoas tanto ocupadas coma desempregadas que carecen da titulación mínima esixida para optar aos certificados que acreditan a súa experiencia profesional.

O prazo de inscrición para a formación previa está aberto ata o mércores 15 de marzo na BDT, no 2º andar do Fórum Carballo

O Concello de Carballo, a través da Bolsa de Traballo, organiza dende fai 4 anos un curso para preparar estas competencias clave e poder optar así aos certificados de profesionalidade de nivel 2 e 3. Ao longo destes anos formamos dende a BDT un total de 267 persoas, e no 2016 a porcentaxe de aprobados foi dun 87%. Este ano está previsto organizar novamente un curso preparatorio sempre que se reúna un número mínimo de participantes. As persoas interesadas poden inscribirse ata o mércores 15 de marzo na Bolsa de Traballo, no 2º andar do Fórum Carballo, en horario de 10.00 a 13.00.

Con esta formación o alumnado poderá optar con maior seguridade, confianza e preparación ás probas convocadas pola Xunta de Galicia mediante a Consellería de Economía, Emprego e Industria, que se celebrarán o 13 de maio no recinto feiral de Silleda, en horario de mañá para o nivel 2 e de tarde para o nivel 3.

As competencias clave comprenden un conxunto de contidos xerais de formación básica en diferentes áreas de coñecemento, como son Lingua Galega, Lingua Castelá, Inglés e Matemáticas.  Son un instrumento para crear oportunidades de aprendizaxe ás persoas que carecen delas. Unha vez adquiridas as competencias clave, permitiralles a estas persoas participar da etapa do aprendizaxe ao longo da vida e adaptarse de forma apropiada ás necesidades do mundo da produción, do traballo e os cambios que se produzan na sociedade.

Compartir: