Inicio Carballo ao día Hemeroteca A concelleira de Igualdade e Benestar participa...

A concelleira de Igualdade e Benestar participa na Asemblea do Fondo Galego de Cooperación

Presentarase o Plan de actividades para este ano e as edís que viaxaron a Mozambique compartirán as aprendizaxes tiradas do intercambio

Venres 10 de marzo do 2017 Carballo ao día

A concelleira de Igualdade e Benestar de Carballo, Maica Ures, participará o vindeiro mércores 15 de marzo en Santiago de Compostela na asemblea xeral do Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade, entidade da que é socio o Concello de Carballo. Na xuntanza, que dará comezo ás 11 horas na sede da Fegamp, someterase a aprobación o Plan de actividades para 2017 e tres das edís que participaron no intercambio de experiencias en Mozambique compartirán as súas aprendizaxes.

A asemblea xeral abrirase ofrecendo o habitual informe de situación do Fondo Galego a cargo do presidente e alcalde de Nigrán, Juan González, para pasar logo á aprobación do balance económico de 2016. Darase conta a seguir das últimas altas e baixas de socios e, para rematar, presentarase tanto a planificación coma o orzamento previsto para o presente exercicio, no que a entidade cumpre dúas décadas de andaina.

Deste xeito, o Plan de actividades 2017, titulado “20 Anos a Fondo coa Solidariedade”, inclúe accións de fortalecemento, de sensibilización fronte as desigualdades, de cooperación internacional e de comunicación. Ampliar o número de administracións socias, incrementar a participación e o recoñecemento ou visibilizar o rigor e a transparencia na xestión son algúns dos obxectivos que contempla. Entre as novas actividades, destacan un obradoiro teatral para reflexionar sobre xénero, a exposición arredor dos Obxectivos de Desenvolvemento Sostible, o espectáculo de clown sobre fronteiras e refuxio ou a propia conmemoración do vixésimo aniversario.

Que é o Fondo Galego

O Fondo Galego de Cooperación e Solidariedade está integrado por 85 concellos e as deputacións da Coruña e Lugo, que concentran a través desta rede os seus esforzos no eido da cooperación ao desenvolvemento. Garántese deste xeito unha xestión profesional e transparente, así como a realización de proxectos con impacto nos países do Sur e a sensibilización da sociedade galega a prol da solidariedade internacional. Desde a súa fundación en 1997, o Fondo Galego ten desenvolvido máis de 150 proxectos en 25 países e promove numerosas actividades e materiais en relación aos desequilibrios Norte-Sur.

Compartir: